A Xunta de Feixoo deu 114.000 euros en subvencións a Sargadelos cando traballaba alí a súa muller

O Goberno español reclama "explicacións" ao daquela presidente galego pola información desvelada hoxe por 'infoLibre'.
Eva Cárdenas e Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)
photo_camera Eva Cárdenas e Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)

O Goberno galego, con Alberto Núñez Feixoo á fronte, concedeu un mínimo de 114.000 euros en axudas a Sargadelos cando a muller do presidente, Eva Cárdenas, traballaba para a prestixiosa compañía, segundo publica esta terza feira o xornal infoLibre. Precisamente estes días o líder do PP e o seu partido porfían en denunciar presuntas irregularidades no rescate da aerolínea Air Europa polo papel que xogaría a parella do mandatario español Pedro Sánchez, Begoña Gómez, malia que a Oficina de Conflitos de Interese xa ditaminou que non hai nada que investigar.

E ao fío desta información, a ministra e portavoz do Goberno estatal, Pilar Alegría, reclamou esta terza feira a Feixoo que ofreza explicacións "con celeridade" sobre as citadas axudas a Sargadelos "entre os meses de decembro de 2020 e agosto de 2022", cando a súa parella, a executiva e empresaria inmobiliaria Eva Cárdenas, traballaba para o grupo.

"Desde logo o exixíbel son as explicacións por parte de Feixoo", insistiu Alegría, ao ser interrogada por este asunto na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros que decorreu esta mañá na Moncloa. "A información que coñecemos esta mesma mañá fai referencia e sinala algo que se produciu cando o propio presidente da Xunta era o señor Núñez Feixoo e, por tanto, creo que o que corresponde agora son explicacións, celeridade e contundencia", proseguiu.

A portavoz do Goberno reclamou contas a Feixoo, dixo, precisamente porque a semana pasada os populares presentaron unha denuncia contra o presidente Sánchez diante da Oficina de Conflitos de Intereses polas relacións da súa esposa coa aerolínea Air Europa, que foi rescatada con fondos públicos.

Unha denuncia "falaz e carente de base", a ollos da ministra, que esta segunda feira foi arquivada pola propia oficina, un organismo que depende do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.

Comentarios