Jácome perde a cuestión de confianza e deixa a oposición na casa de saída para a moción de censura

Ábrese o prazo de un mes para acordar unha moción no Concello de Ourense que implique a saída do agora rexedor en funcións. No entanto, entre setembro e maio non existiu acordo entre PP e PSOE e agora os primeiros achéganse á reconstrución do Goberno local de coalición.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nun pleno (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, no pleno (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O pleno de Ourense rexeitou o expediente de modificación de crédito que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá), vinculou a unha cuestión de confianza. Co resultado da votación, desde esta segunda feira, 14 de xuño, o rexedor queda en funcións e os grupos teñen un mes de prazo para presentar unha moción de censura.

Jácome convocou este pleno extraordinario para tentar sacar adiante unha modificación de crédito por 62 millóns de euros. Para iso, vinculouna a unha cuestión de confianza que, de non saír aprobada -como sucedeu-, abriría a porta ao resto de partidos a presentar unha moción de censura.

O expediente foi rexeitado con practicamente os mesmos votos que no pleno ordinario: a abstención dos populares (7 edís) e a negativa do BNG (2), PSdeG (9) e dos catro concelleiros non adscritos. Votaron afirmativamente os tres membros do equipo de goberno e o edil de Ciudadanos. O único cambio de voto foi o do ex concelleiro laranxa que agora figura no grupo de non adscritos, que se abstivera daquela e desta volta votou a favor.

Os partidos terán un mes para lograr un acordo que permita presentar a moción de censura cun candidato alternativo para a Alcaldía. Se non hai acordo, Jácome volverá ao seu posto coa modificación aprobada.

A única opción para lograr a maioría necesaria -14 dos 27 votos da corporación- pasa polo apoio do PP. Porén, a pasada semana o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, afirmou que o PP garantiría a estabilidade en Ourense, o que se pode traducir en que non haberá moción. Os populares levan meses amosándose favorábeis a investir un novo rexedor, mais ao tempo alongan a sinatura da moción. Mesmo cando Rafael Villarino, portavoz municipal do PSdeG -opción máis votada nas eleccións- renunciou a ser candidato na moción -requirimento que puña o PP para apoiala- os populares incrementaron as súas condicións, exixindo a renuncia de Villarino como edil. 

As diferenzas amosadas no pleno entre PP e PSdeG afastan máis as probabilidades dun acordo para a moción. "Sepárannos moitas cousas do alcalde pero buscamos o mellor para Ourense. Hoxe toca falar de confianza e o único que non a ofrece é vostede, señor Villarino", dixo a popular Flora Moure. 

Pola súa banda, o portavoz do BNG, Luís Seara, sentenciou que a confianza xa se lle retirou ao alcalde en setembro "cando 23 concelleiros apoiaron unha iniciativa que reclamaba a súa dimisión".

Jácome, pola súa banda, cualificou a abstención do PP de "difícil entender" ao querer "formar parte dun goberno sen dar a súa confianza ao alcalde".

Comentarios