"De Casado cara abaixo, todo", recoñece Jácome sobre as conversas para reactivar o pacto co PP

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, asegura que mantén "contactos ao máis alto nivel" para recuperar a coalición do Partido Popular e Democracia Ourensá que rachou o ano pasado. No entanto, considera que o seu equipo -son tres membros no Executivo local- "funciona".
O rexedor ourensán durante unha rolda de prensa. (Foto: Europa Press) #ourense #democraciaourensá #pactogoberno #gonzalopérezjácome #jácome #pp #alcaldía #baltar
photo_camera O rexedor ourensán durante unha rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

No medio da polémica co cadro de persoal do Concello polos ataques do alcalde ao mesmo, Gonzalo Pérez Jácome anunciou que mantén conversas e "contactos ao máis alto nivel" para negociar o regreso do Partido Popular ao Goberno municipal de Ourense. O pacto rachouse na última etapa do ano pasado, após unhas acusacións de varios concelleiros de Democracia Ourensá (DO) por unhas supostas prácticas irregulares de Jácome cos fondos do partido.

Dado que en case nove meses a moción de censura non saíu adiante -o último achegamento entre PP e PSOE quebrou polas exixencias dos populares para que o voceiro do grupo municipal, Rafael Villarino, fora destituído de todos os seus cargos políticos-, segundo o rexedor os populares poderían estar a pensar en reactivar a coalición.

Así o comentou na rolda de prensa para facer balance do ecuador do mandato e engadiu que "hai contactos ao máis alto nivel, a partir de Casado cara abaixo, todo".

O líder de DO defende que o Goberno local e, en consecuencia, a xestión municipal "está a funcionar mellor que nunca" cos tres concelleiros -sumándoo a el- pero pensa que "cantos máis mellor". De feito, na corporación da terceira cidade da Galiza en número de habitantes hai 27 edís.

Ao ser preguntado sobre se agarda que as negociacións cheguen a bo porto destacou, entre risas: "Témome que si".

Mesmo aberto ao PSOE

En calquera caso, defendeu que o pacto non sería igual ao que xa existía en setembro senón que habería que repartir de novo as áreas. "Nós non somos bonecos", advertiu, ao tempo que tamén abriu as portas ao PSOE pero "cos apestados non contamos", remarcou, en alusións aos seus antigos compañeiros que agora considera "tránsfugas".

Os ofrecementos non fan que Pérez Jácome deixe de pensar na moción de censura porque "a pantasma sempre está aí". "Por iso é mellor ter maiorías absolutas", resumiu.

A nivel global, culpou de certas problemáticas ao goberno do Estado español e á Xunta pois "son tremendamente discriminatorios con Ourense", á que ve como "a Cincenta galega".

Comentarios