18-F

Vulneración do deber de neutralidade e propaganda fóra de campaña: todas as veces nas que o PP tirou do 'xogo sucio' na precampaña

A Xunta Electoral emitiu numerosas resolucións contrarias ao Partido Popular, Alfonso Rueda e mais o propio Goberno galego por incumprir a lexislación electoral en reiteradas ocasións desde que o presidente anunciou hai un mes a convocatoria de eleccións para o vindeiro 18 de febreiro.
O presidente da Xunta e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta da semana pasada. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta da semana pasada. (Foto: Arxina)

A Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (Lorex) é moi clara a respecto do que as formacións políticas poden facer, e non, desde que se anuncia a convocatoria de eleccións e até que comeza de forma oficial a campaña. Neste tempo está prohibida a "realización de publicidade ou propaganda electoral mediante carteis, soportes comerciais ou insercións en prensa, radio ou outros medios dixitais"; porén, a malia que o período estritamente electoral dará o disparo de saída na madrugada desta quinta á sexta feira, o Partido Popular xa está inmerso na campaña desde que hai un mes o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, chamou a cidadanía ás urnas o vindeiro 18 de febreiro.

Sabedores ou non do que marca a lexislación vixente, os populares fixeron caso omiso e a Xunta Electoral viuse obrigada a intervir en varias ocasións para apercibir a formación conservadora e ordenar a retirada de diferentes campañas, vídeos e informacións publicadas en redes sociais. A última resolución do organismo que vela polo 'xogo limpo' nas eleccións chegou esta mesma cuarta feira, en relación a unha publicación do partido que instaba os galegos e galegas residentes no exterior a participar nos comicios porque a súa implicación "crucial". Desta volta, aliás, o veredicto viña acompañado dunha advertencia por non se tratar do primeiro resolto contra o PP por este motivo: en caso de "reincidir nunha conduta similar", a entidade procedería a iniciar —de ser o caso— o correspondente procedemento sancionador.

A ollos da Xunta Electoral, este era un vídeo con evidentes "connotacións electoralistas" e debía ser eliminado por estar aínda fóra do período legal de campaña. Mais non foi este o primeiro apercibimento ao PP por un motivo semellante, pois tamén esta mesma semana, na segunda feira, a entidade ordenou retirar outro vídeo, titulado 'Illa de Estabilidade', tanto polo "electoralismo" como por intentar vencellar a imaxe do partido á da Xunta da Galiza e o Executivo de Rueda, co obxectivo de "favorecelo electoralmente".

E por "vulnerar o deber de neutralidade" que se presupón aos poderes públicos diante dunha cita electoral foi condenado o propio Goberno galego a pasada semana. Neste caso, unha denuncia interposta polo PSdeG aludía á difusión dada á sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta da Galiza e o Concello de Ferrol para o proxecto 'Abrir Ferrol ao mar', e o contido que do mesmo se recolle na páxina web institucional do Goberno. O organismo regulador entendeu que "todas as circunstancias determinan que esta Xunta [Electoral] entenda que o contido da noticia denunciada desborda o contido obxectivo e necesario para a salvagarda do interese público".

"E como ten reiteradamente declarado a Xunta Electoral Central, durante os períodos electorais as páxinas webs de titularidade pública deben cinguir a súa información aos acordos adoptados pola institución á que pertenzan, así como aqueles outros que resulten imprescindíbeis para a salvagarda do interese público ou para o correcto desenvolvemento dos servizos públicos, debendo absterse de incluír outras mensaxes que poidan ter un carácter electoralista contrario á obriga de respecto aos principios de neutralidade e igualdade entre os candidatos electorais", advertiu a continuación.

Porén, esta advertencia semella que non chegou a oídos do presidente Alfonso Rueda, que catro días despois de coñecerse este veredicto transcendeu outro no que a Xunta Electoral culpaba o titular do Goberno galego de "incorrer na prohibición estabelecida no apartado 2 do artigo 50 da Lorex", por emitir valoracións como "candidato [do PP]" e non como "presidente" nunha rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta.

E con carácter previo, o PP xa se vira obrigado a suprimir dúas campañas contra a oposición publicadas en redes sociais, a primeira por "difundir propaganda electoral" fóra do período legal e a segunda por pretender "camuflar" como "informativo" a pesar de incluír "frases electoralistas" e supor implicitamente "unha chamada" a apoiar os populares o 18-F.

Comentarios