18-F

Novo apercibimento da Xunta Electoral ao PP, que deberá retirar este vídeo por "electoralista"

O PSdeG denunciou a inclusión de frases cun carácter "electoralista" xunto co "lema e siglas" empregadas polo PP unido "á imaxe da Xunta", que "facilmente permite asociar visualmente ambos os elementos" e "entender implicitamente" que debe ser integrado na categoría de campaña, non de "actividade ordinaria" dun partido.
A publicación que a Xunta Electoral ordenou retirar das redes sociais do PP por ter "connotacións electoralistas".
photo_camera A publicación que a Xunta Electoral ordenou retirar das redes sociais do PP por ter "connotacións electoralistas".

A Xunta Electoral da Galiza vén de estimar unha denuncia presentada polo PSdeG-PSOE contra o Partido Popular pola difusión nas redes sociais Twitter e Instagram dun vídeo titulado 'Illa de Estabilidade', ao considerar que ten connotacións "electoralistas". Con todo, non aprecia motivos suficientes para incoar un procedemento sancionador. No acordo, con data desta mesma segunda feira, a Xunta Electoral faise eco dun vídeo no que se dá a benvida á a "illa da estabilidade, un paraíso onde a calma e a beleza conviven en harmonía".

Tamén se alude a "un sitio seguro onde a xente ten 'sentidiño' fronte a outros sitios de España onde o barullo é protagonista". "Illa de estabilidade é o destino ideal para o teu voto. Viaxa cara a un futuro cheo de posibilidades. Reserva a túa viaxe para o 18 de febreiro", agrega. Os socialistas denunciaron a inclusión de frases cun carácter "electoralista" xunto co "lema e siglas" empregadas polo PP unido "á imaxe da Xunta", que "facilmente permite asociar visualmente ambos os elementos" e "entender implicitamente" que debe ser integrado na categoría de campaña, non de "actividade ordinaria" dun partido.

Os populares alegaron, entre outros argumentos, que o vídeo non está financiado por ningún poder público nin contén alusións a logros obtidos por estes. Aliás, defenderon que o contido "carece de poder persuasivo" e "non contén petición de voto, nin se fan promesas de futuro, nin se alude ao programa electoral, nin contén fotografías de candidatos ás eleccións".

Mais a Xunta Electoral responde que non pode compartir os argumentos do PP e incide que, tras a emisión do vídeo en redes sociais, incorporouse unha resposta da secretaria xeral do PP na Galiza e candidata pola Coruña, Paula Prado, que reza: "O Goberno da Xunta e PPdeG cumpriron con Galiza. Temos motivos suficientes para revalidar a maioría absoluta".

"Este texto está precedido da fotografía desa persoa que, pública e notoriamente, é candidata do PP. Tamén figuran as siglas e o logotipo da devandita entidade política", esgrime a Xunta Electoral, que ve nas imaxes tamén "unha clara intencionalidade electoral". "O feito de que non se pida expresamente o voto do elector non é motivo para non considerar como propaganda electoral calquera actividade que, directa ou indirectamente, pretenda a captación de sufraxios", esgrime.

O ente que vela polo 'xogo limpo' nas eleccións incide en que se busca a reacción do potencial electorado a favor do PP ao vincular os supostos cumprimentos da Xunta coa formación, co obxectivo de "favorecelo electoralmente". Así, estima a denuncia e ordena retirar o vídeo. Contra a decisión pódese interpor recurso de alzada antes das 14 horas desta terza feira, día 30.

Arquivada outra denuncia socialista

Tamén esta segunda feira, a Xunta Electoral da Galiza acordou arquivar unha denuncia dos socialistas en relación á publicación, en Val Miñor TV, da colaboración entre a Xunta da Galiza e as asociacións veciñais de Gondomar (comarca de Vigo). O órgano entende que neste caso nin na denuncia na que se refire un encontro de altos cargos da Xunta con entidades veciñais do concello de Gondomar, nin na publicación que se achega na que se informa dese encontro, poden apreciarse "connotacións electoralistas".

"O acto denunciado correspóndese máis ben cunha actuación ordinaria da Administración autonómica, desprovista de contido electoralista, prevalecendo no conxunto do texto da citada publicación información obxectiva relacionada con determinadas liñas de subvencións", conclúe.

Comentarios