18-F

O PP volve saltar a lei electoral e deberá retirar unha nova campaña que pedía o voto das galegas no exterior

A Xunta Electoral advirte o PP de que en caso de "reincidir nunha conduta similar", procederá a iniciar, de ser o caso, o correspondente procedemento sancionador.
O presidente da Xunta e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, nun acto recente do seu partido. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, nun acto recente do seu partido. (Foto: Europa Press)

Nova condena ao Partido Popular polo seu proceder durante a precampaña, e desta volta con advertencia incluída. A Xunta Electoral vén de ordenar á formación liderada polo actual presidente da Xunta da Galiza e candidato á reelección, Alfonso Rueda, a retirada inmediata das redes sociais dunha publicación do partido que instaba os galegos e galegas residentes no exterior a votaren o vindeiro 18 de febreiro. A súa implicación, afirmaban desde o PP, será "crucial" para determinar o rumbo do país.

Nunha resolución con data desta mesma cuarta feira desvelada pola axencia Europa Press, a Xunta Electoral da Galiza estima unha denuncia interposta polo PSdeG o pasado 25 de xaneiro e ordena, en consecuencia, retirar a devandita publicación da rede. Se ben o organismo que vela polo 'xogo limpo' ante unha cita electoral non incoa un procedemento sancionador, si lembra ao PP a prohibición de realizar calquera outra contratación e difusión de mensaxes dese tipo até que se inicie a campaña de forma oficial, na madrugada desta quinta á sexta feira.

Ademais, advirte o PP de que en caso de "reincidir nunha conduta similar", procederá a iniciar, se é o caso, o correspondente procedemento sancionador. De feito, esta mesma segunda feira a Xunta Electoral ordenou retirar outra campaña por "electoralista", e non é a primeira no que vai de mes. Contra esta resolución, con todo, os populares aínda poden presentar un recurso de alzada.

Na publicación que agora a Xunta Electoral ordena retirar, os populares sostiñan que a voz da Galiza exterior "merece ser escoitada" e animaba as e os residentes no exterior a informáranse e comprobar as datas para exercer o dereito ao voto. "O 18 de febreiro contamos convosco, contamos convosco máis que nunca, como sempre, pero máis que nunca", apunta a publicación que asegura que o futuro da Galiza "non sería futuro se a Galiza exterior non participa".

A este respecto, a Xunta Electoral lembra que o artigo 53 da Lei Orgáncia do Réxime Electoral Xeneral prohibe a difusión de propaganda electoral desde a convocatoria das eleccións até o inicio da campaña e sinala que, neste caso, hai "connotacións electoralistas", posto que "aínda que na publicación non se pida explicitamente o voto ao seu favor, si hai unha clara orientación do mesmo, para que as persoas electoras se decanten a favor desta entidade política".

Comentarios