Habilitar máis quilómetros de autovía en dobre sentido, solución provisional na A-6

A reunión en Pedrafita do Cebreiro entre responsábeis da Administración española e a galega rematou co anuncio da medida de habilitar o dobre sentido como solución provisional. O BNG denuncia a incomunicación de Lugo ao non ter infraestruturas. 
Tramo afectado polo colapso dun viaduto da A-6. (Foto: Carlos Castro/Europa Press)
photo_camera Tramo afectado polo colapso dun viaduto da A-6. (Foto: Carlos Castro/Europa Press)

O Ministerio de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana anunciou esta quinta feira como solución provisional para o tráfico na A-6 ao seu paso por Pedrafita do Cebreiro, afectado polo derrube do viaduto do Castro, habilitar máis quilómetros de tránsito en dobre carril por sentido (dirección Madrid e A Coruña) pola autovía.

Esta medida foi abordada nunha reunión realizada no centro de control de túneles de Pedrafita do Cebreiro na que estiveron presentes o secretario xeral de Infraestruturas, Xavier Flores, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, a súa homóloga castelanleonesa, María González, e outros responsábeis políticos como o delegado do Goberno na Galiza, José Miñóns

Desta maneira, a solución proposta como medida provisional para evitar o colapso que se dá na travesía Pedrafita desde que se produciu a caída da primeira estrutura do viaduto permitirá acurtar en cinco minutos o tempo de desvío en horas normais e en nove en hora punta.

En declaracións previas ao encontro en Pedrafita, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, considerou que o Goberno español debe "falar xa" dos prazos, as alternativas e as causas que provocaron a caída do viaduto do Castro na Autovía A-6. Na rolda de prensa posterior á reunión do Consello asegurou, ademais, que a Xunta elaborou e enviou, "en pouco tempo e bastante ben pensadas", tres alternativas para facer fronte á situación de "relativa rápida execución" sen recibir resposta por parte do Ministerio.

O BNG denuncia incomunicación

O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou á entrada do pleno municipal que o Ministerio de Transportes debe aclarar e ser transparente co acontecido no viaduto. Nas declaracións, o portavoz municipal do BNG afirmou que "Lugo continúa totalmente incomunicado, ao non contarmos con infraestruturas que nos comuniquen co resto do Estado nin por estrada nin por ferrocarril, e seguimos sen un calendario para coñecer os prazos dos traballos de recuperación desta infraestrutura".

Rubén Arroxo destacou o traballo realizado polo BNG no Congreso, onde o deputado Néstor Rego conseguiu o compromiso da ministra para realizar unha auditoría de todas as infraestruturas similares nas autovías galegas. A maiores reclamou ao Ministerio unha solución mentres se leve a cabo a reparación do viaducto.

Comentarios