Estas son as tres alternativas da Xunta á A-6

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou que o seu Goberno traballa no deseño de tres alternativas ao viaduto da A-6 caído e que será trasladada nunha reunión convocada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, á que acudirá a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na próxima quinta feira.

Vista xeral dos vanos caídos na A-6. (Foto: Alberto Vázquez/Nós Diario)
photo_camera Vista xeral dos vanos caídos na A-6. (Foto: Alberto Vázquez/Nós Diario)

Na rolda de prensa posterior ao Consello desta quinta feira, día 23, Rueda desvelou que falou coa secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera, quen lle trasladou "que ía ser a encargada de coordinar as actuacións" relacionadas con esta ponte que xa sufriu dos derrubamentos -o 7 e o 16 de xuño-.

Neste contexto, o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, confirmou que a quinta día 30, no marco da reunión, o Ministerio presentará tamén o seu propio plan de mobilidade que elaborou para pór en marcha as "melloras alternativas" posíbeis que transiten por esta autovía.

En concreto, o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Javier Flores, manterá un encontro con Ethel Vázquez e coa conselleira de Mobilidade do Goberno de Castela e León, María González, ás que informará do seu plan de desvío.

Tamén a Xunta preparou a súa propia alternativa con tres propostas. Segundo informan fontes da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, a Axencia Galega de Infraestruturas leva "días traballando" na procura de alternativas ao corte da A-6 en ambos os sentidos, xa que os transportistas vense agora obrigados a atravesar o núcleo de Pedrafita do Cebreiro pola N-VI.

As tres alternativas

A primeira das opcións propostas pola Xunta, ás que accedeu Europa Press, é a construción dun ramal que conecte a N-VI e a A-6, de modo que se poida volver á autovía tras pasar o viaduto e antes dos túneles de Pedrafita, o que implica transitar pola nacional "a mínima lonxitude posíbel".

Esta alternativa, cuxo custo se estima en 1,46 millóns de euros, permitiría o tránsito dos transportes especiais e podería estar lista nun prazo de tres meses, segundo os cálculos da Consellaría de Infraestruturas.

A segunda solución, que custaría apenas 150.000 euros porque empregaría estradas xa existentes, consistiría en habilitar unha 'variante de Pedrafita' para que os transportes especiais circulen por ela e non atascar a N-VI en caso de avaría. De acordo coa Xunta, evitaría o tránsito pola parte máis poboada da localidade, pero ten a desvantaxe de que non aproveita os túneles.

A terceira opción deseñada pola Consellaría implicaría habilitar en dobre sentido de circulación o ramal de saída da A-6 en sentido Galiza, de modo que os vehículos poderían reincorporarse á autovía antes dos túneles de Pedrafita. O custo, segundo Infraestruturas, sería "moi pequeno" e "practicamente poderíase facer con medios da conservación de estradas".

Sobre se hai plans do Goberno estatal para derrubar o que queda do viaduto, o titular da Xunta non pediu que se faga, pero si apremou a "non estar a esperar" sen facer nada.

Comentarios