O Ministerio non achega ningún calendario de execución para reparar a A-6

A ministra de Transportes, Raquel Sánchez, compareceu na mañá da cuarta feira no Congreso, para responder unha interpelación do BNG sobre os derrubamentos da A-6. Na intervención, comprometeuse a realizar un estudo dos viadutos semellantes nas autovías galegas, mais non ofreceu calendario ningún para executar as obras de reparación do viario caído.

Tramo afectado polo colapso dun viaduto da A-6. (Foto: Carlos Castro/Europa Press)
photo_camera Tramo afectado polo colapso dun viaduto da A-6. (Foto: Carlos Castro/Europa Press)

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, protagonizaron esta cuarta feira un debate na Cámara ao redor dos derrubamentos producidos na A-6, tras colapsar o viaduto á altura do Castro.

Ante a demanda de “claridade e transparencia” de Rego, Sánchez reclamou “prudencia” para coñecer as causas do acontecido, así como para saber as alternativas de circulación. “Creo que non somos quen para determinar se a tipoloxía do viaduto era ou non a axeitada, debemos deixarllo aos profesionais, por iso pido prudencia”.

O deputado nacionalista reclamou estudar solucións de comunicación alternativas mentres decorra a reparación. Uns traballos a respecto dos cales Raquel Sánchez non achegou calendario de execución ningún.

Rego afeou que o da A-6 “constitúe o primeiro caso no Estado español de que unha infraestruturas destas características colapse e, a pesar disto, a reacción do Ministerio foi escurantismo, falta de información, falta de axilidade e, sobre todo, desinterese".

"Non aclaran se houbo un problema no deseño do proxecto -e por tanto, responsabilidade do Ministerio- ou se foi un problema de execución que, nese caso, a responsabilidade recaería nas empresas encargadas da construción", sinalou Rego, quen salientou que na execución desta infraestrutura foi empregado un procedemento construtivo novo no Estado español. "Mais hai tamén indicios de posíbeis responsabilidades na execución das obras, que sufriron atrasos e modificacións sobre a marcha", acrecentou. Así o advertira nunha entrevista concedida a Nós Diario Antón Bao, quen fora concelleiro do BNG en Becerreá cando se construíu o viario.

Unhas obras "innovadoras"

O deputado do BNG puxo de manifesto no Congreso que un informe realizado en 2003, e publicado na Revista de Obras Públicas, alertaba de que nalgún dos tramos construídos, en concreto o que colapsou, se optou por "levar ao límite as posibilidades de prefabricación, obtendo estruturas moi esveltas, cun importante aforro de material". “Empregáronse todo tipo de solucións, desde as máis industrializadas, construíndo viadutos case integramente con elementos prefabricados, até casos non vistos até a actualidade, con estruturas prefabricadas para as dúas calzadas con luces de 75 metros”, leu o nacionalista. Uns datos aos que se lles suma “o importante aforro de material”, das obras.

A pasada semana, Nós Diario tamén recollía unha información publicada en 1998 en A Nosa Terra na que se alertaba de irregularidades na construción e planificación de pontes da Autovía Rías Baixas semellantes á que colapsou na A-6. “Reclamamos que se realice unha auditoría completa de todos os viadutos e túneles da A-6 e da autoestrada das Rías Baixas, infraestruturas que se realizaron no mesmo espazo temporal e se executaron con métodos similares”, expresou Rego, quen arrancou o compromiso da ministra para desenvolver ese estudo.

"Corrupción"

Por outra parte, o deputado nacionalista denunciou no Congreso que "as empresas encargadas de realizar a obra, a través de contrato público, ACS e FCC, apareceron relacionadas en diversas ocasións en tramas de corrupción en diferentes áreas do mundo. Sen saír da Galiza, estas dúas compañías foron sinaladas en 2006 polo antigo xerente do PP galego, Modesto Fernández, como doadoras do Partido Popular". Un extremo do que se fixo eco recentemente Nós Diario.

Por último, Rego advertiu da “discriminación” do Goberno estatal coa Galiza en materia ferroviaria e en relación á media de execución orzamentaria.

Comentarios