O secretario xeral do PSdeG-PSOE, alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, confirmará esta sexta feira que volverá concorrer ás eleccións municipais de maio como cabeza de lista socialista no concello do que é rexedor desde 2007.
En concreto, o xefe de filas do Partido Socialista da Galiza e tamén presidente da Deputación da Coruña convocou para as 11.30 horas aos medios de comunicación no Edificio Hexágono das Pontes. Este é o escenario escollido por Formoso para despexar a incógnita sobre o seu futuro e anunciar a súa intención de revalidar o cargo, un día antes de comunicar a súa decisión tamén ao Comité Nacional do PSdeG, o máximo órgano de decisión do partido entre congresos.
Precisamente, nesta cita interna, os socialistas galegos aprobarán todas as candidaturas ás próximas eleccións municipais que terán lugar o 28 de maio, en cumprimento dos estatutos internos da formación. A intención de Formoso é seguir a compatibilizar os tres cargos: líder do partido, alcalde e presidente da Deputación.
Bugallo recupera a Leiceaga

En Santiago, o senador Xaquín Fernández Leiceaga volverá á política municipal da man do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, que incluíu o que xa fora o seu concelleiro no Goberno municipal compostelán no seu segundo mandato da anterior época como rexedor —entre 1999 e 2011—. Desta volta irá no posto tres.
Ademais, tal e como acordou a asemblea local extraordinaria do PSdeG, a actual edil de Urbanismo e Cultura, Mercedes Rosón, mantense como número dous da candidatura, mentres que unha das persoas do seu núcleo máis próximo, Mila Castro, concorrerá como número catro da lista.
A elaboración da candidatura sometida á asemblea vén marcada por unha lexislatura na que se produciron dúas baixas no grupo municipal. A primeira crise abriuna a marcha ao grupo de non adscritos de Javier Fernández, logo de que o rexedor lle retirase parte das súas competencias.
A segunda das crises vén marcada pola contratación dunha nave coa empresa Desproi, vinculada ao ex edil José Manuel Pichel, que acabou presentando a súa dimisión após coñecerse publicamente o contrato. Por esta cuestión chegou a ter que comparecer o propio Bugallo no pleno municipal, no que suxeriu que o dimisionario enganara o resto dos seus compañeiros do grupo.