O Goberno vigués defende o proxecto de vivenda de luxo que anulou o TSXG

A Xustiza sinala deficiencias detectadas nos planos da urbanización.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto ao arquitecto Alfonso Penela e á concelleira de Urbanismo, María José Caride, fronte ao espazo onde se proxecta a urbanización do Barrio do Cura, o 5 de setembro. (Foto: Concello de Vigo)
photo_camera O alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto ao arquitecto Alfonso Penela e á concelleira de Urbanismo, María José Caride, fronte ao espazo onde se proxecta a urbanización do Barrio do Cura, o 5 de setembro. (Foto: Concello de Vigo)

O Goberno de Vigo manifestou esta segunda feira a súa intención de presentar alegacións contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que anulou o acordo da Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo de data 3 de novembro de 2022 polo que se procedeu á aprobación definitiva do proxecto de urbanización do Barrio do Cura

O Xulgado do contencioso-administrativo número 1 de Vigo acolleu así a demanda interposta por unha comunidade de propietarias e propietarios dun edificio próximo, situado na rúa Santa Marta, e que, segundo o proxecto da urbanización de luxo, debería ser derribado para instalar unha zona verde.

O TSXG condenou o Concello de Vigo a "corrixir as deficiencias detectadas nos planos que delimitan o ámbito do proxecto de urbanización, excluíndo a zona de solo urbano consolidado na zona de libre edificación" do inmóbel na mencionada rúa. 

Ademais, insta o consistorio a incorporar ao proxecto "todas as determinacións exixidas pola lexislación urbanística en canto á rede de gas, o aparcadoiro público e a demolición da gardaría", así como a "deseñar a beirarrúa do Novo Viario cumprindo a normativa de accesibilidade".

Recurso de apelación

Con todo, a concelleira de Urbanismo, María José Caride, afirmou, nunha mensaxe de audio difundida aos medios, que presentarán "un recurso de apelación que nos permita explicar algúns termos" das modificacións que exixe o TSXG para esta urbanización proxectada na cidade de Vigo.

María José Caride insistiu en que este é un proxecto "de grande calidade urbana" e en que as deficiencias sinaladas pola Xustiza son "subsanábeis". 

Comentarios