O Concello de Vigo debe recalcular o reequilibrio de Vitrasa, estimado en 12 millóns, pola revisión de tarifas

O BNG cre que é "o momento", a poucos meses de que finalice a prórroga da concesión de bus urbano, de "abrir o debate" sobre a municipalización deste servizo esencial.
Autobús da empresa Vitrasa que opera en Vigo. (Foto: Vitrasa)
photo_camera Autobús da empresa Vitrasa que opera en Vigo. (Foto: Vitrasa)

O Concello de Vigo estima que deberá pagar 12,1 millóns de euros a Vitrasa, a concesionaria do servizo de bus urbano na cidade, en concepto de reequilibrio económico da concesión, se ben o expediente aínda fica en suspenso, porque dita cantidade pode variar debido á execución dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que obriga a Administración municipal a recalcular a revisión de tarifas de bus correspondentes a 2021.

Así se desprende do expediente administrativo ao que tivo acceso o grupo municipal do BNG, cuxo portavoz, Xabier Pérez Igrexas, compareceu esta segunda feira ante os medios para explicar que o servizo de Intervención paralizou, nun informe datado do pasado 5 de marzo, a tramitación deste expediente de reequilibrio, alertando de que a execución da sentenza do TSXG pode afectar os cálculos da compensación que se pague a Vitrasa.

A concesionaria do bus urbano de Vigo reclamaba o pagamento de 30,2 millóns de euros para levar a cabo ese reequilibrio, pero os servizos municipais estimaron que debería ser de 12,1 millóns de euros, un cálculo xa recollido nun informe de outubro pasado. Por outra parte, segundo desvelou Pérez Igrexas, do expediente despréndese que o Concello solicitou un informe a respecto do reequilibrio á Oficina Nacional de Avaliación o pasado 15 de decembro, a pesar de que dúas semanas antes, o concelleiro de Servizos, Javier Pardo, asegurara en rolda de prensa que o devandito informe xa estaba solicitado e o Goberno local estaba pendente do seu resultado.

Con todo, o 4 de xaneiro, a Oficina Nacional de Avaliación respondeu o Concello rexeitando a súa solicitude, xa que non é preceptivo que informe acerca dese trámite de reequibrio. O portavoz do BNG censurou a actitude "opaca" do Goberno local e mais do alcalde, Abel Caballero, que xa en novembro do ano pasado anunciaba que o expediente de reequilibrio estaba "moi avanzado" e instaba o comité a desconvocar a folga que se iniciaría uns días máis tarde. "Pero até o 11 de xaneiro de 2024 non se formula informe proposta", criticou.

Pérez Igrexas sinalou tamén que Caballero "mentiu cando dixo que o reequilibrio era inminente" porque, ademais, agora o expediente está "en punto morto" até que se execute a sentenza do TSXG e se recalcule a indemnización. Ademais, trasladou a súa "preocupación" porque o Goberno vigués non iniciase a tramitación da modificación orzamentaria para afrontar ese pagamento, e iso a pesar de que o ano pasado xa sabía que tería que indemnizar a Vitrasa e, aínda así, "non aprovisionou a partida correspondente nos orzamentos".

Por outra parte, o concelleiro nacionalista advertiu da necesidade de axilizar o proceso, dado que nuns meses levantarase a suspensión das regras fiscais e o Concello pode atoparse cun "serio problema" para mobilizar recursos de remantentes.

"Proceder autoritario"

Rolda de prensa do portavoz do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas. (Foto: Europa Press)
Rolda de prensa do portavoz do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas. (Foto: Europa Press)

O portavoz do BNG tamén denunciou que o Goberno vigués tardou "105 días" en darlle acceso ao expediente de reequilibrio, e fíxoo agora, despois de tres solicitudes, un recurso de reposición, unha queixa ante a Valedora do Pobo e un ultimato, coa advertencia de que acudiría aos tribunais ante unha posíbel responsabilidade penal.

Neste senso, censurou o "proceder autoritario" e "opaco" de Caballero, que "non quería que se coñecese a verdade detrás da propaganda", e advertiu de que, en todo caso, o reequilibrio económico de Vitrasa "non pode ser un cheque en branco" e o Concello debe ser firme á hora de exixir á concesionaria que cumpra os seus deberes cos seus traballadores e as condicións do prego de concesión.

Finalmente, insistiu en que o BNG cre que é "o momento", a poucos meses de que finalice a prórroga da concesión de bus urbano, de "abrir o debate" sobre a municipalización deste servizo esencial.

Modo de actuar "bochornoso e chafalleiro"

Pola súa parte, o grupo municipal do PP, que tamén tivo acceso ao expediente nas últimas horas, cualificou o modo de actuar do alcalde de "bochornoso e chafalleiro", acusándoo de non preocuparse nunca das molestias que o conflito de Vitrasa causaba ás e os usuarios, senón máis ben de "ocultar" un expediente que pon de manifesto os seus "moitos enganos".

Así, o portavoz 'popular', Miguel Martín, sinalou que o interventor alerta de que haberá que "recalcular" a indemnización a Vitrasa, o que atrasará os prazos; que non hai partida orzamentaria para compensar á empresa, e que, xa desde o pasado 4 de xaneiro, o Goberno municipal sabía que o informe de Facenda, esgrimido como xustificación na tramitación, non era preceptivo.

Miguel Martín subliñou tamén que "é evidente que o expediente non estaba ultimado en novembro", tal e como asegurou publicamente Caballero. "Só o dixo para que non lle boicoteasen o acto de acendido do Nadal", constatou o edil do PP, que asegurou que este conflito sacou "a peor cara" do alcalde.

Comentarios