A escultora Encarna Penelas doa a súa colección de arte ao Concello de Vigo

Olegado está composto por 157 obras da súa autoría e de artistas amigos como Laxeiro
'Un anaco de esperanza', obra de Encarnación Penelas.
photo_camera 'Un anaco de esperanza', obra de Encarnación Penelas.

A escultora Encarna Penelas vén de facer unha doazón ao Concello de Vigo que inclúe toda a súa colección de arte. Despois do seu falecemento, pasarán a formar parte do patrimonio municipal as pinturas e esculturas, un lote que inclúe obras proias e de artistas cos que mantivo relación ao longo do tempo. 

A colección de Penelas está formada por 157 pezas: 67 esculturas e 26 pinturas son da súa autoría, mentres que as outras 54 pertencen a unha longa nómina de artistas que mantiveron algunha relación con ela, entre os que están Jorge Castillo, Almudena Fernández Fariña, Lago Rivera, Leopoldo Novoa, Victoria de la Fuente, Carlos Crego, Cifuentes, Antonio Quesada, Ana Legio, Pedro Bueno, Limés Calabuig, Lodeiro e Laxeiro. No lote destacan as oito obras de Laxeiro, con quen Penelas mantivo unha longa amizade.

 

Encarnación Penelas

Encarna Penelas debutou na arte pasados os corenta anos, primeiro como alumna da Escola Municipal de Artes e Oficios onde aprendeu talla en madeira co gran mestre Camilo Nogueira. Logo fixo a súa primeira exposición -en xaneiro de 1978, dentro do colectivo Abracadabra- e, máis tarde, traballou xa pola súa conta como artista autodidacta.

Despois de expor nas galerías galegas  Van Gogh, Cerralbo, Abel Lepina o Citania, dá o salto a Madrid, apadriñada por Laxeiro, e axiña participa nas feiras internacionais de Montreal ou Basilea.

A finais da década de 1990 deu por fechada a súa actividade artística, malia que a súa obra continúa a ser exposta. Agora mesmo, e até o 31 de marzo, está patente unha exposición coa súa obra na Casa Galega da Cultura de Vigo, Hai vinte anos disto. A escultora Encarna Penelas en retrospectiva.

 

Comentarios