O Goberno saca adiante no Congreso o plan anticrise co voto a favor de EH Bildu

Os votos a favor de PSOE, Unidas Podemos, PNV, EH Bildu, PDeCAT, BNG, Más País, Compromís, Teruel Existe, PRC e Nueva Canarias, garantiron o mínimo necesario para asegurar a viabilidade do plan.
Resultado da votación para a aprobación do plan anticrise. (Ilustración: Europa Press)
photo_camera Resultado da votación para a aprobación do plan anticrise. (Ilustración: Europa Press)

O Congreso aprobou nesta quinta feira o decreto do plan anticrise deseñado polo Executivo de Pedro Sánchez con 176 votos a favor, 172 en contra e unha abstención.

A votación, marcada pola crise política aberta pola espionaxe a líderes e persoeiros do independentismo catalán, saíu adiante co voto favorábel de EH Bildu, que, sumado ao dos deputados de PSOE, Unidas Podemos, PNV, PDeCAT, BNG, Más País, Compromís, Teruel Existe, PRC e Nueva Canarias, garantiu o mínimo necesario para asegurar a viabilidade do plan.

Precisamente, a portavoz parlamentaria de Bildu, Mertxe Aizpurua, afirmou durante a súa intervención no pleno que "unha vez máis, actuaremos coa responsabilidade que debemos á cidadanía e hoxe aprobaremos este decreto".

"A cidadanía necesita de moitas destas medidas que contén este decreto para aliviar a situación pola escalada de prezos en xeral e das enerxías en particular", engadiu.

ERC e Junts votan "non"

Do outro lado, Esquerra Republicana (ERC) e Junts decidiron votar que non, xunto con PP, Vox e C's, ao entender que a resposta do Goberno español polo uso do programa Pegasus para espiar o independentismo non era suficiente.

ERC anunciou nun comunicado a súa decisión de votar en contra do decreto. “O voto de Esquerra Republicana é un voto pola defensa dos dereitos e liberdades máis fundamentais", asegura o escrito.

"É un primeiro aviso ao Goberno español, que debe asumir responsabilidades e garantir toda a transparencia no caso Pegasus".

No caso de Junts, a súa portavoz parlamentaria, Miriam Nogueras, asegurou que "o independentismo non pode dar estabilidade a un Goberno nos espía".

O BNG considera "insuficiente" o decreto, pero vota a favor

Antes da votación, o BNG xa anunciara que votaría a favor da convalidación do real decreto-lei 6/2022, que finalmente se tramitará como proxecto de lei, tal e como reclamaban o propio Bloque e máis outras forzas políticas con representación no Congreso.

A cambio deste apoio que facilita a aprobación do denominado decreto 'anticrise', a formación nacionalista consegue o compromiso do Goberno de "reactivar as medidas recollidas no acordo de investidura" asinado por BNG e PSOE en xaneiro de 2020, un pacto que permitiu a Pedro Sánchez continuar na Moncloa. Aliás, realizarase unha "reunión de seguimento" entre representantes de BNG e PSOE para "avanzar na 'Axenda Galega'".

Outra das cuestións que logrou o Bloque, segundo avanzou nun comunicado, ten que ver coas garantías nos procedementos de participación pública en materia enerxética. Así, a formación nacionalista consegue a recuperación do procedemento de exposición pública e alegacións na totalidade dos proxectos eólicos, "que desaparecía neste decreto", salientan.

"Estas mudanzas deberán verificarse no proceso de tramitación do actual decreto como proxecto de lei, que esperamos que se faga canto antes. No BNG somos conscientes de que non resolven todas as dificultades engadidas no proceso de implantación de parques eólicos, mais, sen dúbida, supoñen unha mellora en relación co previsto no decreto", precisou o deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, quen considerou "insuficiente" o decreto.

Comentarios