Caso 'Pegasus'

Moncloa autorizou o CNI a espiar 18 membros de Tsunami Democràtic co beneplácito do Tribunal Supremo

A ministra Margarita Robles xa recoñecera a espionaxe esta cuarta feira no Congreso.
O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, nunha visita á sede do CNI en 2019. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, nunha visita á sede do CNI en 2019. (Foto: Europa Press)

Segundo avanza esta quinta feira o xornal El Confidencial, o Goberno de Pedro Sánchez —daquela en funcións— autorizou en 2019 o Centro Nacional de Intelixencia (CNI) a espiar 18 líderes da plataforma catalá Tsunami Democràtic, que encabezou en 2019 as mobilizacións contra a sentenza xudicial polo referendo do 1 de outubro de 2017.

A intervención dos teléfonos destas 18 persoas contou en todo momento co beneplácito do Tribunal Supremo, segundo fontes próximas á operación citadas por este medio, que tamén apuntan que as gravacións "fluían de forma regular" entre o CNI e Moncloa. 

Os permisos xudiciais que outorgaba o Supremo tiñan unha vixencia de tres meses, polo que o Goberno solicitaba prórrogas nos casos nos que o consideraba preciso.

Unha das persoas afectadas pola espionaxe sería Elies Campo Cid, unha das 'pezas chave' no artellamento de Tsunami Democràtic e promotor xunto a Citizen Lab do informe que notificou que até 65 líderes independentistas foron espiados polo Estado español.

Robles recoñeceuno no Congreso

A ministra de Defensa, Margarita Robles, xustificou esta cuarta feira no Congreso as acusacións a respecto do programa israelí de espionaxe Pegasus, malia que nun primeiro intre negara tales feitos.

"Eu pregúntolles: Que ten que facer un Estado ou un Goberno cando se vulnera a Constitución, cando alguén declara a independencia, corta as vías públicas ou ten relacións con dirixentes políticos dun país que está a invadir Ucraína?", replicou, tras a intervención da deputada da CUP Mireia Vehí.

Sobre a intervención de Robles, o deputado do BNG, Néstor Rego, afirmou que as súas palabras son "gravísimas" e supoñen "admitir que o Estado español actúa de maneira ilegal" e que "o Estado español non é un estado democrático e de dereito". "Debe dimitir", apostilou.

Comentarios