Robles xustifica na Cámara a espionaxe e forzas nacionalistas reclaman a súa dimisión

A ministra de Defensa do Estado español, Margarita Robles, compareceu esta cuarta feira no Congreso. Ante os reproches das forzas soberanistas pola espionaxe a varios dos seus líderes co programa israelita Pegasus deixou entrever que o Executivo español si exerceu esas prácticas. O BNG, ERC e a CUP exixiron a súa dimisión. Por outra parte, o Parlament catalán resolveu levar aos tribunais a espionaxe.
A ministra de Defensa do Estado español, Margarita Robles, foi reprendida polas forzas soberanistas por defender a espionaxe. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
photo_camera A ministra de Defensa do Estado español, Margarita Robles, foi reprendida polas forzas soberanistas por defender a espionaxe. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

O caso Pegasus xerou esta cuarta feira varias preguntas no pleno do Congreso. Os indicios apuntan que o CNI realizou a espionaxe desde a época na que Mariano Raxoi era presidente do Executivo e que Pegasus -programa de espionaxe que Israel vendeu a España- tería sido adquirido en 2016.

BNG, ERC e CUP incrementaron a súa presión sobre o Goberno e en especial sobre a ministra de Defensa, Margarita Robles. As tres formacións exixiron a dimisión da ministra, tamén responsábel do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), por xustificar esas escoitas durante a sesión de control ao Goberno español no Congreso.

Sesión de Control

Ante unha pregunta de Gabriel Rufián (ERC), o presidente español Pedro Sánchez afirmou que "transparencia é abrir un control interno no CNI". "Estamos dispostos a desclasificar papeis se o require a Xustiza", engadiu. Sánchez non respondeu á "única pregunta" que lle trasladou Rufián, se o Goberno ordenou espiar o independentismo. "Porque se o fixeron é terribelmente grave, mais se non o ordenaron é aínda máis terribelmente grave", expuxo. 

Aclarar a responsabilidade do Goberno actual foi o afán de Jon Iñarritu (EH Bildu), neste caso con interpelación ao ministro de Presidencia, Félix Bolaños, quen respondeu con evasivas. Iñarritu cualificou o caso Pegasus como "o maior escándalo político das últimas décadas", e agregou que o seu grupo non pretende "que este Goberno se vaia a pique e veña a ultradereita". Porén, recriminou, "están a tardar en tomar medidas contundentes e que isto non lle volva ocorrer a ninguén, porque é incompatíbel ser unha democracia e que se espíe a oposición".

Sobre a intervención de Robles, o deputado do BNG, Néstor Rego, afirmou que as súas palabras son "gravísimas" e supoñen "admitir que o Estado español actúa de maneira ilegal" e que "o Estado español non é un estado democrático e de dereito". "Debe dimitir", apostilou.

Miriam Nogueras (JxCat) interpelou a ministra de Defensa. "Vostedes non queren unha comisión de investigación porque esta é só a punta do iceberg. Xa saben cantas persoas máis foron espiadas?", interpelou Nogueras. Robles limitouse a dicir que non existen probas e que os "traballadores do CNI" merecen "respecto". "Teño que calar sobre o CNI porque cumpro a lei e teño o deber de secreto", dixo a ministra, que pospuxo calquera tipo de resposta até a comisión de Segredos.

Aitor Esteban (PNV) dixo non ver claro en que artigo legal se acubilla o Goberno español para non dar explicacións sobre este caso e engadiu que de existir habería que cambiar a lei. "Non se preocupe, imos ver se entre todos podemos conformar esa comisión e aí a directora do CNI explicaralle todo o que sexa necesario", díxolle Robles. Esteban apuntou que el xa participou na comisión de Segredos "e aí nunca se contou un secreto, nunca". "Vostede converteuse en mera aplaudidora do que fan as Forzas de Seguridade do Estado. Que foi daquela xuíza progresista que era vostede?", preguntou. "Na comisión de segredos non se vai solucionar nada. Aproben unha comisión de investigación e desclasifiquen os documentos", reclamou Esteban.

"Controlan vostedes o CNI? Todo vale contra o independentismo?", preguntou Mireia Vehí (CUP). "Cando se trata de salvagardar as cloacas, sempre está o PSOE para iso", afirmou. Robles pasou neste momento ao ataque: "Xa que racha vostede as vestiduras, que ten que facer un Estado, un Goberno, cando alguén vulnera a Constitución, declara a independencia, corta as vías públicas, mantén relacións cun país que está a invadir Ucraína? A vostedes vénlles ben aquí aparecer como vítimas, pero nunca lles vimos defender os dereitos fundamentais de todos os cidadáns".

O Parlament levará aos tribunais a espionaxe

O Parlament de Catalunya acordou na cuarta feira levar aos tribunais a espionaxe con Pegasus. A iniciativa foi aprobada cos votos a favor de todos os grupos excepto Vox, Ciudadanos e PP. 

Comentarios