O BNG apoiará o decreto 'anticrise' a cambio de "reactivar" as medidas pactadas no acordo de investidura

O Goberno español, máis perto de asegurar a convalidación do decreto ao contar co apoio de PNV, EH Bildu, PDeCAT, Más País, Compromís, PRC, Nueva Canarias e Teruel Existe, alén do BNG e das propias forzas do Executivo, PSOE e Unidas Podemos.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, nun pleno decorrido a comezos de abril. (Foto: Europa Press)
photo_camera O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, nun pleno decorrido a comezos de abril. (Foto: Europa Press)

O BNG vén de anunciar que votará a favor da convalidación do real decreto-lei 6/2022, que finalmente se tramitará como proxecto de lei, tal e como reclamaban o propio Bloque e máis outras forzas políticas con representación no Congreso.

A cambio deste apoio que facilitará a aprobación do denominado decreto 'anticrise', a formación nacionalista consegue o compromiso do Goberno de "reactivar as medidas recollidas no acordo de investidura" asinado por BNG e PSOE en xaneiro de 2020, un pacto que permitiu a Pedro Sánchez continuar na Moncloa. Aliás, realizarase unha "reunión de seguimento" entre representantes de BNG e PSOE para "avanzar na 'Axenda Galega'".

Outra das cuestións que logrou o Bloque, segundo avanzou nun comunicado, ten a ver coas garantías nos procedementos de participación pública en materia enerxética. Así, a formación nacionalista consegue a recuperación do procedemento de exposición pública e alegacións na totalidade dos proxectos eólicos, "que desaparecía neste decreto", salientan.

"Estas mudanzas deberán verificarse no proceso de tramitación do actual decreto como proxecto de lei, que esperamos que se faga canto antes. No BNG somos conscientes de que non resolven todas as dificultades engadidas no proceso de implantación de parques eólicos, mais, sen dúbida, supoñen unha mellora en relación co previsto no decreto", precisou o deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego.

O Bloque fora crítico con este texto por consideralo "insuficiente" e constatar que "non incorporaba medidas de calado realmente eficaces para pór couto á escalada descontrolada dos prezos que está a provocar empobrecemento das clases populares".

Porén, "cando se trata de decidir se as medidas recollidas continúan en vigor ou decaen, o BNG, por responsabilidade política, opta porque se manteñan medidas como as axudas a sectores como a pesca, o agro, os transportes, a subvención aos carburantes ou o aumento do IMV e, por tanto, vota a favor do decreto", matizou o deputado.

A aprobación, máis perto

Tamén garantiron o seu 'si' a este decreto PNV, EH Bildu, PDeCAT, Más País, Compromís, PRC, Nueva Canarias e Teruel Existe. O PP comprometeu o seu voto á aplicación de "rebaixas fiscais" e á tramitación do texto como proxecto de lei antes de xuño, algo ao que si cedeu o Goberno estatal, polo que, previsibelmente, apoiará  o documento —quer cun voto favorábel quer cunha abstención— no pleno desta quinta feira.

Outra das incógnitas é ERC, que está máis perto do 'non' que do 'si'. Esta mesma mañá, o seu portavoz, Gabriel Rufián, ironizou sobre o sentido do seu voto cando foi preguntado por xornalistas á súa chegada á Cámara: "Sábeo o CNI".

Comentarios