O Goberno estatal propón subir o SMI a 996 euros mensuais

A patronal amósase contraria a subir o salario mínimo interprofesional á contorna dos 1.000 euros mensuais.
Evolución do SMI desde 1980 (Infografía: Nós Diario).
photo_camera Evolución do SMI desde 1980 (Infografía: Nós Diario).

O Ministerio de Traballo e Economía Social propuxo esta segunda feira a sindicatos e empresarios elevar o salario mínimo interprofesional (SMI) até os 996 euros mensuais, 31 euros por riba da contía actual —965 euros mensuais por catorce pagas—, segundo vén de anunciar a secretaria de Acción Sindical de CCOO, Mari Cruz Vicente.

Tras a reunión celebrada na mañá desta segunda feira no Ministerio de Traballo para abordar a suba do SMI en 2022, Vicente explicou que a proposta do Goberno do Estado fica na banda media do recomendado polo comité de persoas expertas sobre o SMI, que aconsellou unha suba de entre 24 e 40 euros para este ano.

A contía ofrecida por Traballo atópase por baixo dos 1.000 euros que demandan os sindicatos. Sexa como for, a responsábel sindical advertiu que, "se acorde o que se acorde", o incremento deberá aplicarse con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro deste ano.

Unha vez presentada a proposta do Goberno estatal, sindicatos e empresarios daranse un tempo, en concreto até esta cuarta feira, para consultar e debater o ofrecemento do Ministerio nos seus respectivos órganos de dirección. Ese mesmo día, contra as 17 horas, decorrerá unha nova xuntanza que concluirá, segundo Vicente, "con acordo ou sen acordo", mais cun resultado, pois o tema "non ten moito máis percorrido".

Sobre a postura do empresariado, Vicente indicou que os representantes da patronal (CEOE e Cepyme) non se manifestaron "dunha maneira concreta", pois querían coñecer a proposta para logo trasladala aos seus órganos internos.

"O dos 1.000 euros véxoo complicado [...] Hai un problema de solvencia nas empresas e as máis pequenas están bastante afogadas. Levamos dous anos moi complicados", subliñaba hai uns días Antonio Garamendi, presidente da CEOE. Ademais, lembraba que o SMI subiu 30% nos últimos tres anos, que oito territorios do Estado presentan xa un salario mínimo superior a 60% do salario medio e que estes incrementos deben tamén quedar recollidos nos contratos públicos.

Díaz escoitará "todas as partes"

Após o encontro entre Goberno, patronal e sindicatos, a ministra de Traballo e vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, asegurou que escoitará "todas as posicións" neste debate. "Os sindicatos sempre queren máis e os empresarios, menos. Eu fago un pouco de equilibrio entre as partes", incidiu.

"Veremos se acaba con acordo bipartito ou tripartito, mais o realmente importante é que haxa diálogo social", salientou Díaz, que engadiu que este incremento do SMI, que afectará perto dous millóns de persoas en todo o Estado, é "a mellor ferramenta para avanzar na igualdade".

Así medrou o SMI desde 1980

Comentarios