A alza do salario mínimo e o mito da destrución de emprego

A concesión do premio Nobel de economía a David Card permitiu dar a coñecer distintos traballos científicos que desacreditan a idea de que a suba do salario mínimo trae aparellada unha destrución de empregos, como reiteran as elites económicas e as institucións financeiras 
do Estado español.
Os estudos científicos amosan como un incremento do salario mínimo xera novos postos de traballo. (Foto. Andrey Popov)
photo_camera Os estudos científicos amosan como un incremento do salario mínimo xera novos postos de traballo. (Foto: Andrey Popov)

Logo da subida do salario mínimo interprofesional (SMI) até 900 euros en 2019, documentos do Banco de España alertaron de que arredor de 180.000 empregos foran destruídos pola medida. Este argumento, reiterado polas organizacións patronais e pola dereita política, incentivouse coa decisión de incrementar o SMI a 950 en 2020 e a 965 recentemente.

Os supostos custes laborais desta medida non se fixeron agardar, a axencia de subcontratación Randstad e maila Cepeme, a patronal das pequenas e medianas empresas, aprestáronse a estimar a perda de entre 60.000 e 130.000 postos de traballo até 2023, coas subas do SMI previstas por riba dos 1.000 euros.

A pesar disto, as publicacións científicas internacionais poñen en dúbida de xeito radical estas afirmacións, tese que vén de ser reforzada coa concesión do premio Nobel de economía a David Card, Joshua Angrist e Guido Imbens o 11 de outubro polas súas contribucións a “novos coñecementos sobre o mercado laboral, revolucionando a investigación científica”.

O caso de Nova Jersey

O primeiro deles, Card, viu recoñecido o seu traballo na economía laboral pola Real Academia Sueca de Ciencias por, entre outros, un estudo sobre as implicacións da alza do salario mínimo no estado de Nova Jersey (nos Estados Unidos), onde subira a 5,05 dólares a hora, en comparación coa veciña Pensilvania, que resolvera mantelo en 4,25 dólares.

As conclusións do estudo de 410 estabelecementos de comida rápida, o segmento elixido por mor dos baixos salarios, desvelan que a suba do SMI non só non destruíu emprego, senón que se crearon máis postos de traballo, cun aumento do salario medio no estado do 3,1%. A medida rexistrou incluso unha “estatisticamente insignificante” migración entre estados, cara aos salarios mínimos máis altos. Pola contra, unha minoría dos locais en Nova Jersey diminuíron os beneficios complementarios das e dos operarios, e aumentaron lixeiramente os seus prezos ás persoas consumidoras.

Amais, investigacións complementarias en McDonalds de Card demostraron que a suba do salario mínimo non inflúe na apertura de novos negocios. Outro estudo en 2015 orientado ao sector da hostalaría de John Addison, McKinley Blackburn e Chad Cotti, amosou o nulo impacto destas alzas no desemprego do sector.

As empresas manteñen as ganancias

Asemade, a literatura científica incide en que as empresas teñen diversos recursos para absorber este aumento nos custos. Barry Hirsch, Bruce Kaufman e Tetyana Zelenska atoparon estratexias como suba do prezo dos produtos, rebaixa das horas extraordinarias, mellora das estratexias para subir as vendas ou reducir a fenda salarial dentro da sociedade mercantil.

Así e todo, sosteñen que as empresas polo xeral eran quen de manter as ganancias, cunha diminución das marxes de beneficio só en períodos de recesión. Aliás, advirten que un incremento do SMI acaba por traducirse nun ascenso total de custos que non chega a un punto porcentual.

Beneficios extra

Ao tempo que se produce un aumento da actividade económica, como probou o flamante premio Nobel de economía, foron detectados máis efectos derivados destas medidas como un impulso na demanda de bens e servizos.

Ademais, mostrouse como, nestas condicións, redúcese a rotación de persoal nas empresas e mellora o benestar das traballadoras e traballadores afectados, o que acaba por redundar nunha maior produtividade empresarial.

O caso da Galiza

A Confederación Intersindical Galega definiu a última suba do SMI como “raquítica” e “miserábel”, apuntando que sigue a estar por baixo da inflación, polo que continúa a perda de poder adquisitivo, ademais, as circunstancias permiten avanzar máis rápido cara aos 1.150 euros que marca a Carta Social Europea.

Comentarios