Goberno español e sindicatos urxen retomar a negociación do salario mínimo

Os sindicatos UXT e CCOO piden subilo a 1.000 euros con carácter retroactivo desde 1 de xaneiro de 2022.
A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, o pasado 10 de xaneiro (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera A ministra de Traballo, Yolanda Díaz, o pasado 10 de xaneiro (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

Sen dar aínda datas, a suba do salario mínimo interprofesional (SMI) para 2022 podería ser un dos primeiros temas a abordar entre patronal, Goberno español e sindicatos no arranque do ano. Así o deixou entrever a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que asegurou que se porá niso "enseguida".

A idea do Executivo estatal é seguir a senda para chegar a final de lexislatura a un SMI equivalente a 60% do salario medio. "O SMI é a principal ferramenta para atallar a desigualdade. Serviu para reducir a fenda de xénero en 2,5 puntos e elevar os tramos máis baixos dos decís salariais", subliñou.

Na mesma liña pronunciouse esta cuarta feira Unai Sordo, líder de CCOO, quen insistiu na necesidade de subir o salario mínimo interprofesional. "Se todo isto non vai por aí, 2022 será un ano moi conflitivo no laboral", advertiu, xa que o acordo que asinaron CCOO e UXT co Goberno español e do que se descolgou a  CEOE deixa "nítido" que debe subirse a 1.000 euros mensuais en 2022, é dicir, 35 euros máis que os actuais 965 euros.

Ademais, para evitar o acontecido o ano pasado, no que a suba se aplicou só desde setembro, incide en que o SMI "ten que subir de forma rápida e para que rexa ao longo de todo 2022. Non pode haber unha conxelación con esta inflación. Creo que non está na cabeza de ninguén conxelalo durante varios meses, pero se ocorre, atoparanse coa oposición radical de CCOO", advertiu Sordo.

Pola súa parte, o secretario xeral de UXT, Pepe Álvarez, contaba con que o ano comezase co SMI nos 1.000 euros, como se comprometera o Goberno en 2021, algo que atribuíu á "intensidade á que nos sometemos en decembro", dixo en alusión á negociación da reforma laboral.

Neste senso, pediu ao Executivo que convoque canto antes a mesa de diálogo. "Espero que a semana que vén chámennos para constituír a mesa. Deixalo máis tempo só xera problemas para as empresas, porque van ter que pagar con efecto retroactivo, problemas para a Seguridade Social que recadará menos en xaneiro... Só xera problemas. Hai que ir á revisión inmediata", precisou, ao mesmo tempo que insistiu na cobranza retroactiva desde o 1 de xaneiro.

Desde a CIG coinciden na necesidade de adecuar canto antes o SMI a 60% do salario medio, que no caso da Galiza serían 1.087 euros, para cumprir a Carta Social Europea. No caso do Estado, o importe ascendería a 1.167 euros. De feito a CIG xa reclamaba que se incrementase a 1.150 euros no ano 2021, mais non pasou dos 965 euros.

Comentarios