O Goberno español "respecta e acata" a paralización de 13 parques eólicos polo TSXG

Autorizada a evacuación eléctrica de dous polígonos eólicos no Deza.
Polígono eólico na Serra do Suído (Foto: N. B.).
photo_camera Polígono eólico na serra do Suído. (Foto: N. B.)

O Goberno do Estado español “respecta e acata" as últimas resolucións do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) de paralizar de maneira cautelar os traballos de construción de 13 polígonos eólicos. Neste sentido, manifestouse esta quitna feira o delegado do Executivo español na Galiza, Pedro Branco, quen asumiu os criterios formulados pola sala terceira do TSXG.

Branco amosouse "absolutamente respectuoso" coas decisións xudiciais, asegurando que “somos conscientes de que corresponde aos órganos xurisdicionais por imperativo constitucional este tipo de resolucións”.

Na mesma liña manifestouse a portavoz do BNG, Ana Pontón, que afeou as críticas á decisión do TSXG, alegando que é unha actuación "que pretende dar claridade" á aplicación da lei. "A min o que me sorprende é que o PP e certos sectores que sempre din que hai que respectar a xustiza, resulta que cando queren que esa xustiza e legalidade se aplique no ámbito do desenvolvemento eólico no noso país, isto lles poida parecer mal", dixo.

As declaracións do delegado do Estado na Galiza chegaron un día despois de que a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, anunciase a vontade do Goberno galego de recorrer estes 13 autos. Na mesma liña manifestouse esta quinta feira o presidente galego, Alfonso Rueda, que, aínda que dixo que respecta as decisións xudiciais, neste caso non está de acordo e a Xunta da Galiza vai "reaccionar" en consecuencia cun recurso ante o Tribunal Supremo.

A posición da Xunta coincide coa defendida pola Asociación Empresarial Eólica, que denunciou a "reiterada situación de inseguridade xurídica" e pola Confederación de Empresarios da Galiza, que advertiu esta quinta feira de que as consecuencias da suspensión dos 13 proxectos "poden ser de extrema gravidade" para o tecido empresarial.

Vila de Cruces

Por outra parte, a Xunta da Galiza declarou "ambientalmente viábel" a evacuación da liña eléctrica de dous polígonos eólicos: o Cunca, en Vila de Cruces (Deza), e o Rodeira, entre Vila de Cruces e Lalín.

Así o recolleu o Diario Oficial da Galiza (DOG) publicado onte, que inclúe tamén o arquivo do proxecto do polígono Rodicio, entre Maceda e Montederramo (Terra de Caldelas), dado que a súa autorización ambiental foi denegada.

Comentarios