martes 07.07.2020

Galicia en Común insta PSdeG e BNG a "consensuar" a campaña electoral

Chaman a "unha xuntanza de traballo, coa maior urxencia, entre as equipas de campaña" e consideran que as tres candidaturas configuran "a alternativa a Feixoo":
Antón Gómez-Reino (Galicia en Común).
Antón Gómez-Reino (Galicia en Común).

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, vén de remitir unha carta ás candidatas de PSdeG e BNG, Gonzalo Caballero e Ana Pontón, coa vontade de "consensuar unha proposta unitaria de campaña que afiance as garantías sanitarias e democráticas da cidadanía galega perante a irresponsabilidade unilateral do PP".

"Estamos seguros que chegaremos a un acordo sobre a duración da campaña electoral e as outras medidas que sexan suxeridas polas autoridades sanitarias", explica Gómez-Reino nun comunicado, no que salientan que recollen a proposta remitida a semana pasada polas nacionalistas.

O BNG propuxo realizar unha campaña electoral de 10 días, cun debate a dobre volta entre candidatas e o emprego dun mailing conxunto para todas as forzas que concorren o 12 de xullo, opcións que teñen en conta desde Galicia en Común.

A coalición de Podemos, EU, Anova, Compostela Aberta e Marea Atlántica empraza a socialistas e nacionalistas a "unha xuntanza de traballo, coa maior urxencia, entre as equipas de campaña a fin de consensuar unha proposta unitaria entre as tres candidaturas para abordar a campaña electoral coas máximas garantías no respecto á democracia e á saúde pública".

Consideran "primordial" acadar un "acordo amplo" entre as tres forzas que suman, nas súas palabras, "a alternativa a Feixoo". Así, queren centrarse en ofrecer "dúas garantías básica"s ao electorado galego: "garantías sanitarias estritas" e "garantías democráticas para poder elixir entre o austericidio dos recortes e da propaganda do decenio negro de Feixoo ou un Goberno de progreso para a Galiza futura".

Ademais do envío único con todos os boletíns de voto de todas as opcións políticas e a posibilidade de realizar dous debates como propoñía o BNG, pretenden "habilitar espazos suplementarios, ampliados e gratuítos nos medios públicos (CRTVG e RTVE) para poder chegar á cidadanía e compensar as limitacións de non poder facer unha campaña a pé de rúa".

comentarios