'Unha nova Galiza', lema do BNG para a campaña, que propón reducir a 10 días e con 2 debates

Tamén propón máis espazo informativo nos medios públicos, garantías para a neutralidade nestes, e mailing conxunto

ana ponton bng unha nova galiza campaña
photo_camera Ana Pontón (BNG)

'Unha Nova Galiza' é o lema elixido polo BNG para as eleccións do 12 de xullo, un lema co que as nacionalistas queren “sintetizar o cambio galego para abrir un tempo novo” e recalcando graficamente o A no deseño po ser “o A da Galiza viva, moderna, próspera, xusta, feminista e de o A de presidenta”.

“Para que non caiban dúbidas: quero ser a presidenta dun goberno que poña en marcha o cambio real que Galiza necesita. E podemos conseguilo este 12 de xullo da man do BNG”, salientou a portavoz nacionalista, Ana Pontón.

Pontón aproveitou a comparecencia para explicar que o BNG está redifinindo os actos electorais asumindo as medidas de seguridade sanitariae fixo unha contraproposta ao PP.

“As campañas electorais teñen un dobre obxectivo esencial en democracia: incentivar a participación masiva da cidadanía e favorecer o debate e o contraste de ideas dando a coñecer as propostas e alternativas políticas ”. E, para iso, dixo, o papel dos medios de comunicación públicos é “fundamental”, máxime no actual contexto post coronavirus.

A contraproposta consiste nunha campaña de dez días sempre que se asuman catro condicións para, indican as nacionalistas, incentivar a participación da cidadanía e o contraste político.

Así, poñen sobre a mesa un debate a dobre volta na TVG en horario de máxima audiencia entre os candidatos e candidatas á presidencia das principais forzas. Como segundo punto, solicitar á TVG un plan de cobertura no que o tempo adicado a informar da campaña sexa acorde á importancia dun proceso electoral e permita á cidadanía coñecer as alternativas políticas. Como terceiro punto, neutralidade dos medios públicos, - “empezando por finalizar a emisión dos mitins encubertos do candidato do PP” -, e incluíndo entrevistas ás candidatas

Finalmente, como cuarto elemento da contraproposta, o BNG propón mailing conxunto de todos os partidos porque suporía un considerable aforro de recursos públicos “que estou segura sería moi ben valorado pola cidadanía. Fixemos esa proposta fai unha semana, pero non obtivemos ningunha resposta por parte do PP”.


 

Comentarios