Coas medidas de distanciamento social a campaña electoral será máis decisiva que nunca

Estamos diante dun proceso electoral diferente onde calquera resultado é posíbel. A 54 días dos comicios, as diversas forzas políticas poñen en marcha os seus motores para iniciar unha campaña máis decisiva que nunca, na que Galiza decide como facer fronte á crise sanitaria e económica provocada polo coronavirus.
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reúnese cos representantes dos principais partidos políticos galegos. Edificio Administratito de San Caetano, Santiago de Compostela, 14/05/20.
photo_camera O titular do Goberno galego, Núñez Feixoo, reúnese cos representantes dos principais partidos políticos galegos. Edificio Administratito de San Caetano, Santiago de Compostela, 14/05/20.

Todos os escenarios electorais están abertos. Mentres o Partido Popular bota man da súa recorrente táctica de presentarse como gañador indiscutíbel dos comicios, co obxectivo de motivar a súa base militante e desmobilizar o corpo electoral das forzas da oposición, as expertas en estudos de opinión recoñecen as dificultades de aproximar un resultado polas circunstancias extraordinarias do proceso. Se os resultados finais das últimas convocatorias electorais puxeron en cuestión a fiabilidade das sondaxes, ás veces máis preocupadas en orientar o sufraxio que en testar a opinión da cidadanía, neste caso as marxes de erro son aínda máis elevadas.

As responsábeis das consultoras sociolóxicas recoñecen as dificultades das enquisas nunha situación coma a actual. A este respecto, consideran que a porcentaxe de voto declarado a esta altura do proceso é moi pouco significativa para extraer conclusións definitivas. Ao tempo sinalan que cada día son máis as cidadás que agardan á última semana de campaña para decidir o sentido do seu voto, tal e como vén acontecendo na totalidade dos procesos electorais dos últimos anos. Por último, indican que a fiabilidade das enquisas depende da capacidade para determinar a porcentaxe da participación, cuestión moi complicada nesta convocatoria, onde non é posíbel facer unha proxección en relación cos datos históricos.

A abstención pode marcar o devir dos comicios

A preocupación pola abstención está na axenda da totalidade das forzas que concorren aos comicios. Todas dan por descontado unha baixada na participación, derivada da situación de emerxencia sanitaria que vai retraer de acudir ás urnas a unha porcentaxe da poboación, aínda que fica por determinar o alcance da mesma e que fraccións do electorado van optar por permanecer na casa. Malia que tradicionalmente a abstención prexudica na Galiza as organizacións nacionalistas e da esquerda, nesta ocasión pode ser diferente, centrándose naqueles colectivos de risco e máis concretamente nas persoas da terceira idade.

Neste sentido, o Partido Popular xa ten remitido indicacións ás súas agrupacións locais para traballar o voto por correo. Así, as oficinas de Correos xa recibiron as primeiras peticións de cidadáns para poder votar por por correo nas eleccións galegas. Hai de prazo até o 2 de xullo para realizar a solicitude, mentres que o 8 dese mes conclúe o tempo para exercer o dereito ao voto a través desta modalidade.

As residencias, no foco

O equipo de campaña de Núñez Feixoo amósase moi preocupado polo comportamento electoral da terceira idade. A situación vivida nas residencias durante a crise do coronavirus interpela directamente a xestión do Goberno galego, evidencia o contexto de abandono ao que están sometidos unha parte importante do colectivo de maiores e abre novas perspectivas. Se tradicionalmente o PP acudía aos comicios como o gran valedor da terceira idade e como a formación que mellor defendía os seus intereses, desta vez concorre coa pesada lousa da deficiente xestión nos xeriátricos. O PP agarda o tradicional apoio da patronal das residencias para reter unha parte do voto neste sector, porén nesta ocasión a manobra ten máis riscos xa que os ollos da cidadanía están postos nas xerencias dos centros de maiores.

A sociedade galega decide nas vindeiras eleccións a súa resposta á crise do coronavirus. A actual pandemia deixou ao descuberto a falla de medios materiais e humanos do sistema sanitario galego, como consecuencia da política de recortes aplicada polo Goberno galego na última década. Ao tempo, a resposta económica da Xunta da Galiza centrouse no apoio aos grandes conglomerados empresariais, deixando de lado pemes, autónomas e traballadoras. Unha saída socialmente xusta e onde se prime a saúde das persoas require duns servizos públicos reforzados e dunha ampla cobertura social para os sectores máis desfavorecidos.

Comentarios