18-F | Debate

Como reverter a perda grave de falantes de galego? Estas son as propostas de PP, BNG e PSdeG

O galego perde falantes. Enquisas e estudos sociolingüísticos trazan un escenario pouco alentador. A situación da lingua propia é preocupante, sobre todo, entre a poboación máis nova. Case a cuarta parte da xente moza, menor de 15 anos, declárase incapaz de falar galego. A transmisión interxeracional esmorece e o sistema educativo virou nun medio "hostil" e "desgaleguizador" para as crianzas, afirma a RAG. O futuro da lingua está en xogo. Que facer para reverter a mingua acelerada de falantes e consolidar o uso do galego en todos os ámbitos?
SIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIIII
photo_camera José Luís Ferro, Mercedes Queixas e Silvia Longueira.

José Luís Ferro Porro, candidato número 10 do PP por Ourense. Licenciado en Ciencias da Relixión pola Universidade de Navarra

jose luis ferro

Debemos empezar por aclarar que non hai esa "perda grande de falantes" que presupón a pregunta. A fonte principal que temos para coñecer a situación do galego son as enquisas que cada catro anos fai o IGE e que nos indican que o galego segue sendo a lingua maioritaria de Galicia. Un 52% da poboación emprégaa de maneira habitual e 23% é bilingüe con predominio do castelán. Poucas linguas europeas das que chamamos minoritarias poden presumir de datos así, e iso inclúe o euskera e o catalán.

Isto non quere dicir que non teñamos problemas aos que atender, que non teñamos que seguir traballando para garantir o futuro do galego. Porque as tendencias globais uniformadoras son moi potentes e certas inercias tamén. Dende hai moito tempo, a cidade é o ámbito preferente do castelán e o rural do galego, co cal a rápida e crecente urbanización de Galicia xoga en contra da nosa lingua propia.

Para contrarrestar estas forzas negativas e seguir garantindo que o galego non retroceda, apostamos pola oferta positiva, pola formación e pola dinamización. Lideramos o 'Proxecto Nós', coa colaboración da USC, co obxectivo de garantirlles ás persoas galegofalantes o seu dereito a vivir no seu idioma na sociedade dixital. Levamos tempo fornecendo a sociedade de ferramentas para poder vivir en galego nun mundo en que a tecnoloxía ten un peso cada vez maior: o Centro Ramón Piñeiro é pioneiro no traballo coas tecnoloxías da fala e a Subdirección de Formación leva anos elaborando materiais que favorecen a formación en liña de adultos en lingua galega.

A lei garante a aprendizaxe do galego en igualdade co castelán

En dinamización, e en colaboración coa RAG, temos a app colaborativa 'Galicia Nomeada', que implica a cidadanía na recollida e uso dos nosos nomes de lugar e promove a estima da lingua. Estamos empezando a elaborar un plan de dinamización do galego no deporte e chegando a acordos con varias plataformas de contidos audiovisuais para incluír cine e series en lingua galega nos seus catálogos.

Seguimos traballando en accións que xa tiñamos en marcha. Programas de apoio aos neofalantes e a proposta '21 días co galego e +', que promove un cambio nos hábitos lingüísticos da mocidade e agora tamén da infancia. Temos unha lexislación que garante a aprendizaxe do galego en igualdade co castelán nas escolas e unha Rede de Dinamización Lingüística que leva actividades de concienciación e ocio en galego a máis de 250 entidades locais.


Mercedes Queixas Zas, candidata número 2 do BNG pola Coruña. Licenciada en Filoloxía Galega e Portuguesa e parlamentaria

IMG-20231218-WA0007

Primeiro de todo cómpre asumir a realidade lingüística actual e non negala como fai o PP. E cómpre escoitar a sociedade galega que maioritariamente demostra quererlle á nosa lingua e reivindica que se garantan os dereitos lingüísticos. Un compromiso de amor á lingua sostido de forma incansábel nas múltiples manifestacións convocadas a favor do galego durante os últimos case quince anos de goberno do PP ou mediante o movemento crecente e consciente do neofalantismo. Un compromiso coa nosa lingua propia e oficial que segue a crear unha lingua e unha cultura vivas, con identidade propia e recoñecemento universal.

Cómpre aprobar o Decreto pola Igualdade Lingüística no Ensino

A sociedade galega non se resigna a que o galego siga dando pasos cara atrás, senón que reclama o seu avance cara á igualdade, liberado de prexuízos, prohibicións e limitacións para a aprendizaxe, como ocorre actualmente coa normativa escolar a través do Decreto 79/2010 do plurilingüismo, que só serviu para reforzar o monolingüismo en castelán e o retroceso do galego, polo que cómpre derrogalo e aprobar o Decreto pola Igualdade Lingüística no Ensino. A sociedade galega demanda a restitución do consenso lingüístico que o PP rompeu  unilateralmente en 2009.

Por iso no BNG consideramos que é o momento de construír un grande acordo nacional pola lingua galega que implique todos os axentes políticos, económicos e sociais para reverter a tendencia de perda de falantes que se vén dando nos últimos anos de forma moi acusada e denunciada pola sociedade galega, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega ou o Consello de Europa.

O impulso dunha política lingüística activa e transversal que teña como obxectivo avanzar na normalización do galego conduce á necesidade de actualizar a Lei de normalización lingüística (1983) como Lei de Igualdade Lingüística, incluída a presenza da lingua galega nos espazos de comunicación máis contemporáneos e prestixiados socialmente e, á vez, máis cotiáns e habituais, como son os vinculados ás tecnoloxías da comunicación, o audiovisual e a dixitalización.

En definitiva, a política lingüística do goberno do BNG permeará as iniciativas que se desenvolvan desde calquera área, será a corrente continua que impulse calquera acción de forma transversal, o vaso comunicante que restaure, desde o reforzo positivo, a normalidade lingüística para o galego como lingua minorizada que aínda é.


Silvia Longueira Castro, candidata número tres do PSdeG pola circunscricións da Coruña. Licenciada en Xeografía e Historia

silvia longueira foto

Galicia está de oferta, perde poboación e perde falantes. O PP desenvolveu a mellor das estratexias para propiciar unha viaxe errática cara a ningures, facendo que máis de 100.000 persoas deixaran Galicia entre 2011 e 2020, grazas á mingua constante de servizos públicos no rural, coma os máis de 100 centros escolares pechados polo seu goberno. Esa perda incrementou o baleirado da Galicia interior, onde a lingua galega sobrevive nun refuxio seguro, pero que esmorece. Así pois, coa poboación envellecida, onde os maiores de 65 anos superan en dez puntos os mozos menores de 20, atopamos o primeiro hándicap para reverter a perda de galegofalantes, así coma para preservar unha transmisión natural da lingua.

A este feito incontestable, súmase o asalto ao consenso lingüístico, forzado por Feijóo a partir de 2009, que principiou un camiño de difícil resolución para reverter a perda de galegofalantes, xa damnificada polas políticas centralistas que minaron a relevancia e a honra do galego. E necesaria unha medida de urxencia que restaure o devandito consenso entre as forzas políticas e a sociedade civil, así coma coas institucións e entidades vinculadas á lingua galega (Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega e Instituto da Lingua Galega). Habería que contar coa actualización do Plan de Normalización da Lingua Galega, dotado con recursos económicos e capaz de propiciar políticas singulares.

Urxen políticas singulares; impulsar o galego na xustiza, a empresa, o lecer

Tal e como sinalan os informes da Mesa pola Normalización Lingüística, estas políticas teñen que impulsar o emprego do galego en ámbitos como a xustiza (no que o galego se emprega en menos de 1% das sentenzas), ou nos da empresa e comercio, onde a presenza do galego é inapreciable. Neste senso, hai un intanxible que atinxe as novas tecnoloxías, tanto no eido do lecer como no da comunicación diaria, que debería ser rectificado de inmediato, xa que chegan a novas audiencias que non dispoñen de referencias da lingua galega.

Unha chamada ao sector da creación audiovisual e a CRTVG en particular, que deben prestar atención especial pola capacidade exponencial que teñen de divulgar e deixar unha pegada senlleira do idioma, recoñecendo os matices que outorgan naturalidade. Tamén o apoio á internacionalización de produtos audiovisuais favorece a proxección da lingua cara a fóra e sitúaa coma un "modelo de interese", principalmente para a poboación galega.

Comentarios