Onde están os galeguistas do PP?

Alberto Pazos Couñago foi un dos dirixentes do PP galego que se negou a asinar a carta remitida por 30 referentes da vida política, social e cultural da Galiza aos ministros de Exteriores dos Estados da UE para reclamar apoio á oficialización do galego nas institucións comunitarias. Esta segunda feira, preguntado por Nós Diario, deu a coñecer os motivos do rexeitamento.

PP españolismo m
photo_camera Concentración de militantes do Partido Popular contra investidura de Pedro Sánchez o domingo en Ourense. (Foto: Nós Diario)

O portavoz do PP no Parlamento da Galiza, Alberto Pazos Couñago, explicou esta segunda feira, interpelado por Nós Diario, os motivos da súa formación para non prestar apoio á oficialidade do galego na Unión Europea. “Nós estamos sempre a favor de que o galego ocupe o espazo que lle corresponde como lingua histórica. Pero non aceptamos que sexa parte do prezo de acordos políticos e non aceptamos que o galego se instrumentalice”, dixo.

Alberto Pazos

Os argumentos de Pazos incidiron nos avanzados noutras ocasións pola formación conservadora. Afirmou que “nos manifestaremos a través de medios propios, non a través dunha asociación, por moi respectábeis que sexan as súas formulacións”, para xustificar a súa negativa a apoiar un status legal para o galego na UE. As súas declaracións chegaron a dúas semanas de que a Comisión de Asuntos Xerais da UE volva decidir sobre o tema -a axenda da reunión deste organismo de mañá en Bruxelas inclúe un balance sobre os "avances" da petición do Goberno español de incluír galego, éuscaro e catalán no regulamento común que fixa o réxime das linguas oficiais da Unión Europea-.

A misiva da Mesa pola Normalización Lingüística non avalada polo voceiro do PP na Cámara galega defende que “a oficialidade do galego en Galiza, recoñecida en 1981, non será plena se non atinxe todos os ámbitos da nosa vida social, económica e cultural, hoxe condicionada en moitos aspectos pola nosa pertenza a unha Unión Europea que aínda non recoñece plenamente a nosa lingua”.

O chamado da Mesa está asinado por unha representación plural da sociedade galega. Así, do ámbito institucional, conta co apoio das alcaldesas e alcaldes de Santiago de Compostela, A Coruña Lugo e Pontevedra, dos presidentes das Deputacións da Coruña e Lugo e dos voceiros parlamentarios do BNG e do PSdeG. O mundo económico, cultural, social e do coñecemento está representado, entre outros, polos secretarios xerais da CIG, UXT e CCOO, das principais organizacións agrarias e da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca). A esfera da ciencia e do coñecemento, polos reitores das tres universidades públicas galegas, e o campo cultural polos presidentes da Real Academia Galega, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, da Asociación de actores e actrices da Galiza e da Federación Galiza Cultura.

Os cargos do PP

A carta carece do apoio de ningún representante institucional do Partido Popular. Neste sentido, os promotores da misiva demandaron, tamén, o apoio aos presidentes das Deputacións de Pontevedra e Ourense, Luís López e Luís Menor, e ao  rexedor de Ferrol, José Manuel Rei, que non atenderon a petición, malia confirmar a recepción do convite. A negativa do PP a apoiar a oficialidade da lingua galega nas institucións da Unión Europea chegou após rexeitar hai unhas semanas o dereito a empregar o idioma propio do país no Congreso dos Deputados. Unha e outra decisión foron asumidas pola totalidade da militancia da formación conservadora sen discrepancia pública, sinalándose os principais responsábeis do partido na súa defensa fechada en institucións e medios de comunicación.

Unha parte significativa da afiliación galega do PP saíu o domingo as rúas das cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra para rexeitar os acordos asinados por Pedro Sánchez de cara a garantir a súa investidura como presidente do Goberno do Estado. As concentracións acolleron adherentes de todas as familias da formación así como de militantes de Vox, que seguindo as indicacións da súa dirección remataron por sumarse ás mesmas.

As mobilizacións respondían á táctica fixada pola troika dirixente do partido, nucleada arredor de José María Aznar, Isabel Díaz Ayuso e Alberto Núñez Feixoo, embarcada nunha campaña contra a pluralidade do Estado. Na concentración de Pontevedra, houbo apupos a un manifesto lido en lingua galega polos organizadores. Alí, era onde estaban algúns dos dirixentes e militantes do PP do autoproclamado sector galeguista do PP.

Comentarios