Formoso: "ou Hannibal Lecter e Omar Montes, ou unha persoa solvente"

Os socialistas arroupan Paco Rodríguez, que ve o PP ofrecéndose como "alternativa a si mesmo"

Valentín González Formoso e Francisco Rodríguez, este sábado en Ourense. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Valentín González Formoso e Francisco Rodríguez, este sábado en Ourense. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reivindicou este sábado que o "único pacto" que os socialistas subscribirán en Ourense será "cos ourensáns", que terán que escoller o próximo 28 de maio "entre ter de alcalde a Hannibal Lecter ou a Omar Montes", en alusión ao actual rexedor Gonzalo Pérez Jácome, ou apostar polo aspirante do PSdeG, Paco Rodríguez, unha "persoa solvente" que "aspira a sentar nos despachos dos ministros para tentar lograr os obxectivos da cidade".

O máximo responsábel dos socialistas galegos arroupou na mañá deste sábado o ex alcalde Paco Rodríguez, que aspira a retomar o bastón de mando que deixou en 2012 co obxectivo de "reconstruír" unha cidade que, di, quedou paralizada desde hai máis dunha década.

"Non se poden perder máis oportunidades", aseverou en declaracións aos medios o propio Rodríguez, acompañado nun acto celebrado nas Burgas onde, ademais de Formoso, tamén estiveron o secretario provincial do PSdeG en Ourense, Rafa Villarino, e outros representantes do partido como o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo.

“O único pacto vai ser cos ourensáns”

"Ourense ten que escoller entre ter de alcalde a Hannibal Lecter ou a Omar Montes ou a unha persoa solvente que aspira a sentar nos despachos dos ministros e ministras para tentar lograr os obxectivos da cidade", espetou Formoso, que incidiu en que "o único pacto" que subscribirá o PSOE en Ourense "vai ser cos ourensáns".

Neste sentido, subliñou que o "pacto da vergoña", como cualificou o acordo entre o líder de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Xácome, e o presidente do PP ourensán, Manuel Baltar, para repartir os gobernos local e provincial en 2019, fixo que a cidade "protagonizase os peores escándalos en todos os medios a nivel nacional".

Por iso, Formoso remarcou que Paco Rodríguez representa a opción para "devolver a dignidade", a "ilusión" e a "capacidade para reter talento" á Cidade dás Burgas.

O PP é "alternativa a si mesmo"

Pola súa banda, o candidato á Alcaldía censurou a estratexia dun Partido Popular ao que ve presentádose como "alternativo a si mesmo". "Dá a sensación de que o PP pasou por riba coma se non estivese a gobernar o últimos oito anos, primeiro en solitario e o últimos catro con Democracia Ourensá ata fai sete ou oito meses", apostilou Paco Rodríguez.

Comentarios