O Partido Socialista ve "nerviosos" os populares ante as eleccións municipais

Luís Álvarez augura un "aumento" do apoio ao PSdeG o 28-M.
O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez. (Foto: Nós Diario)

O PSdeG marca como obxectivo para as eleccións municipais do 28 de maio "revalidar e aumentar" o apoio nas urnas fronte a un Partido Popular ao que ve "moi nervioso" e que representa á "política destrutiva". Así se manifestou esta segunda feira o portavoz da formación socialista no Parlamento, Luís Álvarez, despois de que o Comité Nacional do PSdeG aprobase na fin de semana 231 listas para o 28-M.

Álvarez apuntou que os catro anos de "duro esforzo" nos Gobernos municipais, así como os resultados da xestión da pandemia e das consecuencias da guerra de Ucraína permitirán "revalidar e aumentar" esta confianza nas candidaturas do Partido Socialista.

O portavoz parlamentario puxo como aval a xestión este mandato que vai finalizar dos 110 alcaldes e alcaldesas do Partido Socialista fronte a un PP "nervioso" ante a cita electoral e situou ese partido  como "ausentes" das grandes inquedanzas da Galiza.

"O PP", dixo, "está situado detrás dun presidente incapaz de ofrecer solucións aos problemas dos galegos e das galegas porque está aferrado ao mastro do barco que pilota un capitán errático como Núñez Feixoo, que espera atracar na Moncloa por un golpe de sorte".

"Mal día"

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, considerou esta segunda feira que a a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lourenzá, tivo un "moi mal día" cando este domingo asegurou nunha entrevista que o Goberno español estaba "a xerar o maior retroceso do feminismo nos últimos anos" e aseverou que o PSOE é o partido de "referencia" na loita polos dereitos das mulleres".

Comentarios