Formoso compara o "esperpento" de Xácome cos "Gobernos de Marbella de Jesús Gil"

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, fixou como "meta clara" para os socialistas galegos nas próximas eleccións municipais de 2023 alcanzar a Alcaldía de Ourense para "volver recuperar a ilusión" que, asegurou, "perdeu nos últimos anos" a cidade con "o goberno máis esperpéntico da historia democrática municipal".
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso.(Foto: Europa Press)
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en Ourense. (Foto: Europa Press)

"Hai que remontarse aos Gobernos de Marbella de Jesús Gil para recuperar unha escena tan dramática e ruinosa para unha cidade como o que ocorre actualmente en Ourense, con esperpento tras esperpento", subliñou.

En declaracións aos medios antes da reunión da Comisión Executiva Nacional Galega, reunida este sábado en Santiago de Compostela, o líder dos socialistas galegos afirmou que puxeron "toda a carne no asador" e que arriscaron "enormemente" buscando unha figura que representase "o mellor de Ourense".

Segundo o secretario xeral, o ex alcalde socialista Francisco Rodríguez, elixido pola dirección do partido tras suspender o proceso de primarias na cidade das Burgas, cumpre con eses requisitos. Para Formoso, a pesar de que arriscaron "enormemente", trátase dunha figura que ten "superados os peores momentos da política ourensá dos últimos anos", ademais de contar "co apoio dunha sociedade" que, engadiu, "clamaba pola súa volta á política".

"Vai facilitar a consecución da Deputación de Ourense", apuntou Formoso, que tamén aseverou que Ourense "reactivarase economicamente e socialmente" e "frearase a fuga de talento e a desmoralización".

O PSOE aspira a presentar listas en todos os concellos

Os socialistas inician o proceso de selección "dos candidatos nos 313 concellos da Galiza". Formoso detallou que o PSOE goberna "case o 60% da poboación galega", tanto en cidades como nos municipios do rural. "É un partido que ostenta máis de 110 alcaldías, tres das catro deputacións, máis de 1.200 concelleiros e a aspiración de presentar listas en todos os concellos", reafirmou o secretario xeral do PSdeG, en relación ao balance de vilas nas que goberna, sexa en solitario ou co apoio doutras formacións políticas, nomeadamente o BNG.

Cuestionado sobre se el repetirá como candidato dos socialistas á Alcaldía do municipio das Pontes, onde é rexedor desde o ano 2007, Formoso evitou pronunciarse e indicou que é un tema que terán que decidir "no ámbito municipal das Pontes".

Con todo, confirmou que "se abrirá un proceso", pero nestes momentos esa decisión "é a que menos" lle ocupa, sinalou, para a continuación indicar que "no momento que toque" a decisión "será tomada e comunicada".

Comentarios