Fiscalía arquivará a causa contra Juan Carlos I sobre a fortuna de Jersey

Un borrador filtrado esta segunda feira apunta que o xefe de Anticorrupción, Alejandro Luzón, non achou "indicios" que vinculen o rei emérito cunha presunta conta bancaria con dez millóns de euros aberta no paraíso fiscal de Jersey.
O rei emérito, Juan Carlos I, nunha das súas últimas aparicións no Congreso, en decembro de 2018. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O rei emérito, Juan Carlos I, nunha das súas últimas aparicións no Congreso, en decembro de 2018 (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O borrador de arquivo das dilixencias de investigación relativas á presunta fortuna do rei emérito, Juan Carlos I, na illa de Jersey sinala que o equipo de fiscais, liderado polo xefe de Anticorrupción, Alejandro Luzón, non atopou indicios "que permitan dirixir reproche penal contra S.M.D. Juan Carlos de Borbón e Borbón" e apunta que, por tanto, "procede acordar o arquivo das dilixencias de investigación".

Así o reflicte un extracto do borrador de decreto de arquivo que avanzou esta segunda feira a Cadena Cope. Esta era unha das tres liñas de investigación abertas na Fiscalía do Tribunal Supremo sobre a fortuna do emérito, sendo as outras dúas as presuntas comisións ilegais pola adxudicación do AVE á Meca e o suposto uso de tarxetas 'black' sufragadas por un empresario mexicano.

Sobre a investigación de Jersey, o Ministerio Público indagaba na presunta existencia dunha conta bancaria con arredor de dez millóns de euros a nome do ex xefe de Estado nesta illa, un paraíso fiscal de bandeira británica.

"De 2004 a 2021 non existe indicio ningún que permita vincular a sociedade The JRM 2004 Trust con Juan Carlos de Borbón, nin na súa xestión, nin na capacidade de dispor dos fondos; en ningún momento tivo este a condición de beneficiario do 'trust' nin consta que percibise cantidade ningunha nas súas contas", di o borrador nas súas conclusións.

Nas conclusións do borrador indícase que The JRM 2004 Trust constituíuse con fondos procedentes da liquidación doutros dous 'trust', Tartessus e Hereu, fundados en 1995 e 1997 respectivamente e "dos que foi beneficiario o daquela rei de España". Cómpre lembrar que até a súa abdicación o 19 de xuño de 2014 Juan Carlos I gozaba da inviolabilidade recollida na Constitución de 1978.

No citado documento da Fiscalía, Luzón engade que non existe actualmente "documentación soporte dispoñíbel" sobre eses dous 'trust' e que "probabelmente nunca se coñecerá con total certeza a orixe dos fondos con que foron creados".

Sexa como for, desde a súa abdicación e a consecuente perda da inviolabilidade e irresponsabilidade do emérito, "as disposicións de JRM 2004 Trust fórono nunhas contías que en ningún caso alcanzarían a cota correspondente a un delito contra a Facenda Pública, aínda cando tales fondos fosen entregados eventualmente a un contribuínte español, algo do que non existe constancia ningunha".

Comentarios