O BNG exixe reforzar as inspeccións nas residencias e publicar as actas

Pontón cre que a Xunta "desprotexe os maiores".
Iria Carreira, Ana Pontón e Iago Tabarés nun momento do encontro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Iria Carreira, Ana Pontón e Iago Tabarés nun momento do encontro. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo esta sexta feira unha reunión con representantes do sector das residencias de maiores en que defendeu reforzar as inspeccións nestes centros, así como dotar de máis persoal os controis e que nunha web se recollan de forma transparente as actas das actuacións para que as familias poidan coñecer os xeriátricos nos que ingresa unha persoa en caso de ser necesario.

De feito, estes puntos forman parte da iniciativa que defenderá o BNG na Cámara despois de que no pleno da semana pasada se interpelara á conselleira de Política Social, Fabiola García, polas "filtracións" a centros sobre a realización destas inspeccións. "Estamos a falar duns feitos gravísimos, pero o PP mira para outro lado, nega os feitos e, perante as denuncias, opta por perseguir a quen as fai e non investigar", advertiu Pontón.

O BNG propón incrementar o número de inspectores, xa que actualmente hai 7 para 22.000 usuarios e usuarias. "Polo menos duplicalos, posto que a supervisión e control das residencias é chave para a seguridade das persoas maiores", apuntou Pontón.

"Intereses das empresas"

A xuízo da líder da oposición, o PP "non quere que a inspección funcione e coloca os intereses das empresas por riba do dereito a unha vellez digna". Así, avisou de que ás denuncias deste verán hai que engadirlle as feitas polo propio persoal das residencias ou os propios usuarios, así como os informes do Consello de Contas, que en 2018 xa advertía da escaseza de persoal, "deficiencias e danos" en instalacións.

Outra das propostas que fará o BNG é a de "blindar" o modelo de inspección contra filtracións, para o que propón recuperar un sistema polo cal os profesionais deciden o día das visitas e comunican no momento de chegar á residencia.

Por último, Ana Pontón lembrou que en 14 anos de Goberno do PP na Xunta da Galiza, "non puxo en marcha nin unha soa residencia pública".

Comentarios