A Xunta négase a investigar a "filtración" de inspeccións

Política Social di que é "falso" que se avise a residencias dos controis.
Concentración esta quinta feira diante do Parlamento contra o acordo en Política Social. (Foto: Arxina)
photo_camera Concentración esta quinta feira diante do Parlamento contra o acordo en Política Social. (Foto: Arxina)

A Consellaría de Política Social negouse esta quinta feira na comisión quinta do Parlamento galego a investigar as "filtracións" das datas de inspeccións a residencias de maiores, como lle pedía o PSdeG a raíz da denuncia da Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais (Agiss). "Son acusacións moi graves, que xeran inseguridade", manifestou a secretaria xeral técnica da Consellaría, Francisca Gómez Santos, mais "son [acusacións] falsas, non hai probas. Negamos que se advertira de datas de inspección a ningún centro", engadiu a representante de Política Social.

O departamento de Fabiola García botaba así o ferrollo a investigar as denuncias, o que lle solicitaba a deputada Marina Ortega (PSdeG), que exixía ao Goberno galego "tomar medidas" ante unha denuncia "sen precedentes e que é moi grave".

"Solicitamos unha investigación rigorosa", demandou a parlamentaria, que reclamou que se xustifique cun informe. De ser certo, insistiu, "está a incumprirse a lei".
Coincidindo coa comisión no Parlamento, varias traballadoras de Política Social manifestáronse ante a sede parlamentaria para protestar contra o acordo de condicións de traballo nesta Consellaría asinado polos sindicatos CCOO e UXT.

"Cansas de mentiras"

Por outra parte, o comité de persoal da Consellaría de Política Social cargou contra este departamento por "responder na prensa con mentiras e medias verdades" ás súas denuncias de falta de medios e de persoal, ao fío da presunta agresión sexual que sufriu unha traballadora do Crapd II de Vigo por parte dun usuario en situación de "emerxencia social".

"Estamos fartas de comunicar os problemas que hai nos centros, a falta de persoal e medios e de denuncialo publicamente" sen que a Consellaría adopte medidas ao respecto.

Comentarios