luns 29/11/21

Ferrol fai balance entre as novas e as vellas crises

Xa pasaron dous anos da chegada do socialista Ángel Mato á Alcaldía de Ferrol e 'Nós Diario' conversou cos grupos políticos para facer balance do mandato, do que fica por diante a metade de cara ás eleccións municipais. As urnas de Ferrol son das máis exixentes da Galiza, pois desde 1987 ningún partido foi quen de revalidar na Alcaldía. 
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, xunto ao equipo de Goberno na presentación dos orzamentos.
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, xunto ao equipo de Goberno na presentación dos orzamentos (Foto: Nós Diario)

Nestes dous anos o Goberno municipal de Ángel Mato centrou os esforzos en "desbloquear" asuntos que vía "encallados" cos anteriores Executivos. Así o asevera o portavoz municipal socialista, Julián Reina, que pon como exemplo "o desbloqueo" das obras da ampliación do Hospital de Ferrol e nas rúas da parroquia de Serantes. Tamén alude ao convenio coa Deputación da Coruña para a construción da residencia de maiores no Bertón, salienta o "impulso definitivo" que supuxo a conversión da Avenida das Pías nun bulevar, así como a tramitación do taller de sub-bloques e do de chorreo en Navantia, "en colaboración coa empresa pública". 

Entre os proxectos "desbloqueados" non esquece o convenio de desafección dos terreos portuarios ou o albergue de peregrinos na Casa do Mar. Aliás, destaca a recuperación dun muro de contención ao carón das vías do tren para erguer a rúa Loureiro, que "estaba a afundir".

En canto á economía, o socialista salienta o orzamento municipal que o Goberno presentou hai un mes, cun incremento de 14 millóns, case 21%, a respecto dos anteriores orzamentos aprobados (2018). No capítulo de investimentos recóllense 18 millóns, 183% superior ás contas de 2018.

Noutra orde, Reina considera un acerto os plans de axudas directas a autónomos, dotados de 4 millóns de euros. En canto a servizos sociais, afirma que máis de 800 familias recibiron os vales quincenais do Concello, nos que investiron "perto de 500.000 euros para axudar as persoas con maiores dificultades". 

Na actualidade están a traballar na "recuperación do Ferrol vello", con obras como a recuperación da casa natal de Ricardo Carvalho Calero. Tamén subliña as obras na rúa da Igrexa, cunha actuación complementaria nas inmediacións da praza da Galiza. Na Magdalena, ateigado de tráfico e con estreitas beirarrúas, apostan por recuperar o espazo para as persoas.

O PP ve o Concello parado

A ilusión polo cambio nas eleccións traduciuse nunha "decepción", di José Manuel Rey, ex alcalde de Ferrol e actual voceiro municipal do PP. Pon o acento na crise que vive a cidade, con máis de 5.000 persoas no desemprego e a taxa de desocupación mais alta da Galiza. "Perdemos dous veciños ao día de media durante o ano pasado e por primeira vez baixamos da barreira dos 65.000 habitantes", explica. Ante isto, critica a "inactividade" do Concello e "un claro abandono do Goberno estatal".

Para o popular "Ferrol é unha cidade nacida para o Estado", polo que depende das súas decisións, fundamentalmente en emprego, "que ten a ver co monocultivo industrial e enerxético". Nese sentido, sinala dúas decisións do Goberno español "nefastas": a situación que atravesa o naval, coas gradas baleiras, e "o fechamento anticipado da central térmica das Pontes sen unha alternativa".

Aliás, quéixase de que nestes dous anos aínda non se aprobase ningún orzamento municipal. 

FeC lamenta que o Goberno escore á dereita

O antecesor de Mato na Alcaldía, Jorge Suárez, actual voceiro de Ferrol en Común (FeC), explica que apoiaron a investidura do actual rexedor porque acreditaban "que unha alternativa de esquerdas e cohesionada era posíbel, pese á hostilidade que tivéramos por parte do PSOE no noso mandato". Porén, lamenta que estes dous anos fosen "de absoluta pasividade" e se coartase a participación veciñal.

Sobre o borrador de orzamentos presentado polo Goberno, Suárez ve que está "máis orientado a buscar afinidade co PP que coa súa formación ou o BNG". Aliás, bota en falta iniciativas en emprego e benestar, impulsar a renda municipal básica, o PXOM ou o saneamento rural, cuestións que reivindica  que foron impulsadas desde o Goberno de Ferrol en Común e que agora se atopan paradas. 

O BNG urxe a mudar o marco para erguer Ferrol 

"O problema deste Goberno é que, ao igual que o do PP ou mesmo o das Mareas, é miope e non quere ver a situación en que se atopa Ferrol e, por tanto, dificilmente vai atopar solucións", considera o portavoz municipal do BNG, Iván Rivas. "Isto acontece", apostila, "porque son partidos con dependencia de Madrid" e non queren mover os marcos actuais dunha cidade que depende economicamente do Estado. De facto, lembra que "o Ministerio de Defensa (ao que pertence 20% do solo urbano) non paga tributos na cidade, o que implica millóns de euros que deixamos de recibir ao ano". 

Ademais, engade, Ferrol "está condicionado laboralmente por Defensa, cuns estaleiros confinados ao gueto da construción militar; e a nivel urbanístico  porque está divido en dous  por unha muralla que deixa un ámbito da cidade inaccesíbel". O Estado, di, "abandónanos á nosa sorte, exclúesenos do eixo atlántico de infraestruturas ferroviarias e deixa a ría abandonada". 

Por iso, no BNG demandan ao Concello que "afronte as relacións con Defensa e o Estado". De mudaren os marcos, asegura Rivas, a cidade tería futuro porque "ten unhas posibilidades enormes de desenvolvemento" a nivel industrial, con estaleiros con gran capacidade de construción se o Estado permite abrilos ao mercado naval civil; a nivel produtivo e ambiental, cunha ría "espectacular" de rexenerarse; e cun patrimonio histórico abandonado e que cómpre recuperar. 

Ferrol fai balance entre as novas e as vellas crises
comentarios