Un manifesto demanda que a casa de Carvalho Calero teña usos culturais

Como vector para un proxecto viábel, para revitalizar o barrio e “dignificar a memoria de Carvalho”.

carvalho calero

Asociación Cultural Ferrolterra Antiga, Sociedade Cultural Medulio, Ateneo Ferrolán, Asociación Veciñal de Ferrol Vello, Fundaçom Artábria e o BNG presentaron publicamente na mañá desta segunda feira en Ferrol un manifesto coa fin de solicitar ao Goberno local que conte co tecido asociativo da cidade à hora de definir os usos da casa natal de Carvalho Calero: “sen perder a perspectiva de que este proxecto de rehabilitación ten que ter como elemento vertebrador os usos de tipo culturais”.

Antonio Casal, secretario da asociación Ferrolterra Antiga, destacou que o importante deste manifesto é abrir o debate e definir un plan de usos que fagan o proxecto viábel, para revitalizar o barrio e dignificar a memoria de Carvalho Calero.

Casal considera que o proxecto para a casa de Carvalho Calero e o conxunto de vivendas debería ser consultado cos veciños e veciñas do barrio e coas entidades que levan anos traballando e reivindicado a memoria de Carvalho Calero.

Diante deste anteproxecto considera que a casa debe ser destinada a fins culturais e usos nesa liña e debe servir para que os veciños e veciñas do barrio teñan un espazo de referencia de usos culturais. Unha idea compatible coa coherencia de que este proxecto debe estar dedicado á figura de Carvalho Calero.

Sinalou que o Concello debería convocar as entidades co fin de abrir o debate sobre os seus usos máis realistas e máis beneficiosos para o conxunto da veciñanza que os que aparecen na proposta inicial..

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG manifestou que diante da proposta feita polo Goberno local para a rehabilitación da casa de Carvalho Calero, “tiñamos clara que a maneira e o obxectivo que se perseguía con ese proxecto non era o que se levaba anos reivindicando por numerosos colectivos desta cidade”.

Desde esa perspectiva, sinalou, consideran que hai 3 aspectos que son fundamentais: o vector condutor para ese proxecto de rehabilitación ten que ser usos de tipo cultural, que as alternativas existentes teñen que ser discutidas e debatidas con todos aqueles colectivos e entidades que durante tantos e tantos anos levan reivindicando a figura de Carvalho e que estas apostas deben de contar cunha dotación económica nos próximos orzamentos municipais.

Comentarios