28-M

Feixoo apoia Elena Candia en Lugo nunha xira pola Galiza na que evita a foto con Baltar

A de Ourense será a única circunscrición que non visite o líder do PP, que afirma que o seu "compromiso" co país fica "inalterábel".
Alberto Núñez Feixoo e Elena Candia, esta sexta feira, en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Elena Candia, esta sexta feira, en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, elixiu Lugo, onde a 'popular' Elena Candia aspira a gañar a Alcaldía após o 28-M, para arrincar a súa xornada de campaña electoral na Galiza. Desde a cidade amurallada reivindicou que o seu "compromiso" neste territorio permanece "inalterábel", e trasladou a "garantía" de que, se torna no próximo presidente do Goberno español, "desbloqueará infraestruturas" e "non" deixará que as pontes de acceso ao país "caian".

Malia que "non en Falcon", dixo, Feixoo aterrou esta sexta en Santiago de Compostela, desde onde se desprazou a Lugo para participar nun mitin con Candia. Rematado este acto, prevé protagonizar un paseo electoral en Pontevedra e a súa xira terminará en Ferrol, onde coincidirá co líder do partido na Galiza, Alfonso Rueda.

A única circunscrición electoral que fica finalmente fóra da axenda de Feixoo é a de Ourense, polo que non haberá foto co líder dos 'populares' ourensáns e presidente da Deputación, Manuel Baltar, no foco da polémica e inmerso nun procedemento xudicial após ser 'cazado' ao volante dun coche oficial a 215 quilómetros por hora na A-52.

Feixoo aproveitou a súa parada en Lugo para asegurar que "debe" á Galiza o seu capital político, e non escatimou en promesas se logra entrar na Moncloa, en contraposición co "mal trato" que atribuíu ao Goberno que preside o socialista Pedro Sánchez. Ante 400 persoas, e sen mencionar a Sánchez expresamente, Feixoo subliñou que el non tivo que "suspender o mitin" como fixo o socialista, e chanceou con que tampouco se lle pediu "o carné" a ninguén para acudir ao acto. E, a continuación, cargou contra o trato do Goberno, co exemplo, aproveitando que chegaba desde Santiago, da "inconclusa" autovía a Lugo.

E entre as infraestruturas "paradas" ou "atrasadas", o líder conservador afeou as "retardadas" obras da conexión ferroviaria de Lugo con Ourense, pondo o foco na ausencia de conexión por AVE nesta cidade. Garantiu que el está pendente da evolución da situación a pesar do seu salto á política estatal, mais matizou que unha "reivindicativa" Elena Candia tampouco lle deixaría facer outra cousa.

"Se o conxunto do Estado español considera que este galego pode ser presidente, todo o que acabo de dicir vaise realizar e concluír. Igual que imos cumprir coa comisaría de Lugo e non imos deixar que caian as pontes de acceso á Galiza", proclamou, en referencia ao derrubamento do viaduto da A-6, cuxos atrasos na reconstrución tamén censurou.

Na súa intervención, Feixoo volveu botar man de Bildu: "Non imos calar, somos un partido constitucionalista e estou convencido de que non hai ningún lucense de boa fe que queira ter no goberno a partidos que gobernan con Bildu ou pactan con Bildu políticas de Estado".

Pola súa parte, Candia non ocultou a "satisfacción" de contar con Feixoo, quen como presidente, reivindicou, "sacou á Galiza" dunha crise económica e loitou por superar a pandemia, e ironizou con que aos socialistas "caeulles" Sánchez [da axenda], e agora contan coa presenza "do presidente que empobreceu os españois", en referencia a un acto que, segundo dixo, protagonizará José Luis Rodríguez Zapatero na cidade da muralla.

Durante a súa intervención, Candia aproveitou para pór sobre a mesa as primeiras medidas que implantará se consegue facerse co bastón municipal de Lugo após a cita coas urnas do 28-M.

Comentarios