Feixoo encara a reactivación recortando en Economía

Redución de 27,3 millóns no orzamento de Economía e Empresa para 2022.
Francisco Conde (no centro) e o seu equipo expuxeron as contas (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Francisco Conde (no centro) e o seu equipo expuxeron as contas (Foto: Xunta da Galiza)

A Vicepresidencia económica da Xunta encara a recuperación económica e a crise industrial que afecta o país cun orzamento para 2022 moi inferior aos 504,5 millóns que lle foron consignados para 2021. 

O vicepresidente segundo do Goberno galego e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, explicou no Parlamento galego esta quinta feira, 28 de outubro, que o seu departamento contará con 490 millóns para o ano que vén. Aínda que esta cifra segue por baixo do orzamento de 2021, é maior que a anunciada hai tan só uns días polo Executivo na presentación do proxecto de Orzamentos da Xunta.

Nese documento figuran 477,2 millóns. Nós Diario preguntou na Consellaría a que se debe esta mudanza e que outras partidas se asignan agora ao departamento, mais aínda non obtivo resposta por parte da Xunta. En todo caso, tanto unha cifra como a outra deixan os recursos de Economía e Empresa para 2022 moi por baixo dos 504,5 millóns consignados para 2021. 

O descenso, dixo Conde, débese a que o Goberno estatal "non asignou" fondos Covid-19 para o próximo ano, polo que demandou ao Executivo español máis recursos ante as medidas "extra" que se deben afrontar.

Entre as partidas que baixan están as do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que rexistra un retroceso de 60 millóns, de forma que vai xestionar 201,9 millóns. Conde detallou que este descenso se debe a que eses millóns son transferidos a Xesgalicia para o financiamento de préstamos de capital risco.

A oposición replicou a intervención do conselleiro acusando o recorte de orzamento. O deputado do BNG Ramón Fernández censurou o recorte de 23% no Igape, de 28% na Axencia da Industria Forestal ou o de 21,7% en Comercio.
O socialista Juan Carlos Ribeira reduciu a "propaganda" as contas deste departamento e denunciou que o seu nivel de execución este ano "non superou 60%". 

Críticas ao Goberno galego polo aumento de gasto público en asesores 

Os orzamentos da Vicepresidencia Primeira subirán o próximo ano 2,6% respecto ao exercicio anterior e superarán os 402 millóns de euros. Unha suba semellante á que experimenta o persoal eventual de gabinete de Presidencia, os coñecidos como asesores, que pasan de consignar 1.692.351 euros en 2021 aos 1.726.198 no ano 2022, tan só na Consellaría de Presidencia. Precisamente, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, veu denunciando estes días unha suba de 6% nas partidas para “pagar soldos aos asesores do PP".

O deputado do BNG Iago Tabarés pediu explicacións no Parlamento polo aumento de gasto público en persoal eventual. Fíxoo no marco da exposición dos Orzamentos da Xunta para 2022, no referido á Consellaría de Presidencia,  que correu da man do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

O popular preferiu centrarse en destacar que o investimento do Goberno galego para o Ano Santo (entre as diferentes Consellarías) ascenderá a 85,8 millóns de euros "co fin de seguir na senda de recuperación do turismo e para celebrar esta efeméride". Deste montante, Turismo consignará 65,8 millóns (cinco máis que este ano, cun incremento de 8,3%) dentro dun orzamento que aumenta até os 126 millóns.

Entre os principais investimentos atópanse accións de conservación dos roteiros xacobeos (16 millóns de euros) ou a ampliación da Rede Pública de Albergues do Camiño, con catro novas hospedaxes en Piñor (1,1 millóns de euros), Ferrol (467.000 euros), Riós (262.000) e o primeiro albergue de peregrinos na cidade da Coruña (1,1 millóns), pendente este último da cesión da parcela por parte do Concello.
Rueda reiterou as súas críticas á "falta de implicación" do Goberno estatal, ao non dedicar "nin un só euro" de fondos propios ao Xacobeo, dixo. 

Comentarios