Críticas á Xunta por reducir o investimento en Atención Primaria e subilo en asesores

Caballero acusa Feixoo de reducir as partidas destinadas a Atención Primaria para incrementar en máis de 6% o gasto en asesores e persoal de confianza.
Núñez Feixoo e o conselleiro de Sanidade, García Comesaña, visitan o Meixoeiro de Vigo (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Núñez Feixoo e o conselleiro de Sanidade, García Comesaña, visitan o Meixoeiro de Vigo (Foto: Xunta da Galiza).

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, censurou a "grande estafa" dos Orzamentos da Xunta para 2022 e acusou Alberto Núñez Feixoo de reducir as partidas destinadas a Atención Primaria para, a cambio, incrementar en máis de 6% o gasto en asesores e persoal de confianza. "Asesores designados  discrecionalmente polo PP para colocar toda a súa estrutura de poder", insistiu en rolda de prensa.

Tal e como informou en exclusiva Nós Diario da redución e fondos para Atención Primaria na proposta de Orzamentos da Xunta para 2022, Caballero advertiu que a partida da Primaria experimenta unha caída de dous millóns de euros. Do mesmo modo, conta con 200 millóns de euros menos que o montante consignado nas contas de 2009.

De feito, as cifras adiantadas por este xornal amosan que os recursos que a Xunta asigna á Primaria pasan dos 1.391 millóns en 2021 aos 1.389 para 2022. Unha cifra que fica aínda por baixo da última orzada en 2009, último ano do Goberno de PSdeG e BNG na Xunta: 1.436 millóns, que coa suba do IPC equivalerían hoxe a 1.619 millóns.

Así, Caballero afirmou que a pesar do papel "fundamental" da sanidade pública para "resistir" á pandemia e impulsar a vacinación, os orzamentos representan "unha puñalada" ao sistema e "reducen os fondos dedicados á Atención Primaria".

17 anos agardando polo hospital de Monforte

Os orzamentos da Xunta en materia sanitaria para 2022 tamén foron criticados polo BNG. Nunha visita a Monforte, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou o caso concreto dos investimentos sanitarios nesta comarca, pondo como exemplo o plan de mellora do hospital de Monforte, anunciado en 2019 e que prevía un investimento de 15 millóns de euros, e que apenas está dando os primeiros pasos, cunha execución de 10% da contía anunciada.

"A veciñanza de Monforte deberá agardar 17 anos máis para ver completado o plan de mellora do seu hospital comarcal, pois estaba previsto que rematase en 2024 e non se remataría até 2040, e iso despois dunha pandemia que demostrou a importancia de contar cunha sanidade pública forte e libre de recortes”, recalcou Pontón, que tamén avanzou que o BNG demandará na Cámara “a contratación de especialistas e a dotación dunha UCI para o centro hospitalario”.

Pontón informou de que a súa formación presentará emendas aos Orzamentos da Galiza para 2022 co fin de mellorar entre outros aspectos, os investimentos na comarca de Terra de Lemos, facendo fincapé no reforzo dos servizos públicos, como precisamente a sanidade; mais tamén no apoio aos sectores produtivos e na instalación de empresas, "chaves para frear a perda de poboación", dixo. Criticou os “incumprimentos” da Xunta coa comarca, en particular en infraestruturas como o Porto Seco de Monforte, plataforma loxística de 54.000 metros cadrados que, “sete anos despois da súa finalización, aínda non conta con ningunha empresa instalada” polo "abandono da Xunta".

Reclaman orzamento para saúde mental

Seguindo en sanidade, o BNG defendeu no Parlamento medidas para "sacar a saúde mental do confinamento", após "12 anos de Gobernos de Feixoo". A nacionalista Montse Prado reclamou 21 millóns para saúde mental nos orzamentos de 2022, logo de lembrar que a contía para esta materia apenas superou 1 millón de euros no orzamento deste ano.

Comentarios