O gasto en persoal de confianza e asesores de Feixoo e conselleiros aumenta en 50%

Un total de 6,34 millóns.

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, en San Caetano, na reunión do Consello do Goberno galego (Foto: Arxina)
photo_camera O titular da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, en San Caetano, na reunión do Consello do Goberno galego (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, e o resto de integrantes do seu Goberno aumentan o soldo un 2% nos orzamentos da Galiza para 2022. Esa porcentaxe será o que aumenten as nóminas de todos os funcionarios o ano que vén.

Así o recolle o proxecto de contas públicas para Galiza que entregou esta cuarta feira no Parlamento galego o conselleiro de  Facenda, Miguel Corgos.

En concreto, Núñez Feixoo pasa de cobrar 78.089 euros a 79.651, mentres que os seus dous vicepresidentes e o resto de conselleiros e conselleiras vén incrementados os seus salarios de 68.154 a 69.517 euros.

En canto ao persoal eventual de gabinete do Executivo galego (persoal de confianza ou asesores), o proxecto de orzamentos galegos para o próximo exercicio recolle un total de 6,34 millóns, deles 1,73 correspondentes á Presidencia e 1,11 á Vicepresidencia 1ª da Xunta. Isto representa un 50% máis que en 2021, cando a cifra andaba nos  4,24 millóns.

O Goberno galego presentou a principios de semana o proxecto de contas da Xunta para 2022 afirmando que son as “máis altas da historia”. O presidente, Alberto Núñez Feixoo, e o novo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, revelaron na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que a Galiza terá para o ano que vén un orzamento non financeiro de 11.627 millóns de euros.

 Porén, o poder da matemática desmonta mais unha vez o clásico slogan "das cifras máis altas da historia". De feito, o orzamento non financeiro do ano 2009, o último elaborado polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG na Xunta, e antes por tanto da chegada de Alberto Núñez Feixoo a San Caetano, alcanzaba os 11.426,4 millóns de euros (o total do orzamento consolidado naquel ano alcanzou os 11.792,8 millóns).

En rolda de prensa após a aprobación do proxecto en Consello, o titular do Goberno galego cifrou en "máis de sete" de cada 10 os euros que as contas públicas dedican a financiar o gasto social na Galiza.

Así, situou o total do gasto social en 8.660 millóns, cun incremento de 610 respecto dos anteriores orzamentos: 269 dedicados ao reforzo en sanidade (que se sitúan nun total de 4.583 millóns), 179 á educación (en total 2.695 millóns), 126 ás políticas sociais (987 en total) e 37 ao emprego (395).

Comentarios