Feixoo cre que Sánchez "traballa para" Pontón

"Agora parece ser que o Bloque vai quedar por enriba do PSOE. Pero que máis dá, se o importante non é gañar?", dixo Feixoo, consciente de que o PPdeG debe reter a maioría de polo menos 38 escanos para que as esquerdas non somen.
O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, durante unha comida de campaña do Partido Popular en Sarria. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, durante unha comida de campaña do Partido Popular en Sarria. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O líder do PP estatal, Alberto Núñez Feixoo, asegurou este sábado que o presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, "traballa para" a candidata do BNG, Ana Pontón, na campaña para as eleccións galegas do próximo domingo, 18 de febreiro.

E é que Sánchez, dixo, "abandonou" ao candidato socialista á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, porque "prefire aniquilar o seu partido", algo que xa ocorreu "na maioría" de comunidades autónomas o ano pasado, con tal de que o PP "non goberne".

Desta forma, o PSdeG-PSOE vai "traizoar" aos seus, porque "a maioría" dos votantes socialistas "non queren que goberne unha nacionalista" na Xunta.

Alberto Núñez Feixoo retomou este sábado a súa caravana particular e paralela á de Alfonso Rueda nesta campaña do 18F e ofreceu un mitin-comida ante centos de persoas en Sarria (Lugo), precisamente municipio de orixe da líder e candidata do BNG.

O tamén expresidente da Xunta atacou a Pontón cos "20 anos" que leva como deputada, máis que os 17 que estivo el entre 2005 e 2022 no Parlamento de Galiza. "E agora resulta que é a novidade", ironizou a continuación.

E é que, en palabras de Feixoo, o actual BNG é "o de sempre". Para iso, puxo como exemplo o acto da sexta feira, no que Pontón recibiu o apoio do histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, fundador de Anova tras escindirse do Bloque hai máis dunha década.

Disto tamén se serviu para atacar á vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz: "Beiras marchou do BNG; despois fíxose amigo de Yolanda Díaz e Pablo Iglesias; despois montaron as Mareas e Sumar; e despois están a desmontar todo o que montaron e Yolanda Díez di que se presenta co nome de Sumar".

"Como van gobernar a Galiza uns que nin se gobernan entre eles?", preguntouse.

 

BNG, ERC e Bildu

Feixoo alertou de que o BNG, do que as enquisas vaticinan que se consolidará como segunda forza, está "en contra" da Constitución, do Estatuto de Autonomía, da UE "e de todo o que se lles poña por diante".

Para evitalo, solicitou o apoio do PP para que a Galiza "non entre na aventura na que entrou a política catalá e a política vasca", cos "problemas de convivencia" destes territorios.

Feixoo lembrou que nos comicios europeos o BNG concorre na mesma papeleta que ERC e EH Bildu e que o mes pasado unha delegación dos nacionalistas galegos participaron en Bilbao na concentración a favor dos dereitos penais dos presos de ETA.

 

As maiorías absolutas "son moi difíciles"

"Agora parece ser que o Bloque vai quedar por enriba do PSOE. Pero que máis dá, se o importante non é gañar?", dixo Feixoo, consciente de que o PPdeG debe reter a maioría de polo menos 38 escanos para que as esquerdas non somen

O líder popular recoñeceu que as maiorías absolutas "son moi difíciles" e actualmente o PP só as ten en Andalucía, A Rioxa e a Comunidade de Madrid.

A unha semana de que se abran as urnas, Feixoo dixo que as sensacións nas rúas "son boas" pero "o peor peor perigo é confiarse" e dar por feito que a maioría está asegurada.

Por iso, chamou á mobilización o 18F para poder revalidar o goberno da Xunta, que é "o mellor goberno de todas as comunidades autónomas" porque é "o que máis experiencia ten": desde o ano 2009 cun mesmo partido.

 

Comentarios