18-F

Beiras e Noriega fechan filas co "liderado" de Pontón e piden o voto para o BNG

A candidata do BNG, o histórico nacionalista e o portavoz de Anova participaron nun coloquio moderado pola directora de Nós Diario, María Obelleiro.

 

Ana Pontón, Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega, esta sexta feira, en Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera Ana Pontón, Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega, esta sexta feira, en Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)

A caravana electoral do Bloque Nacionalista Galego (BNG) fixo unha parada esta sexta feira na capital galega para reunir a candidata á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, o histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, e o portavoz nacional de Anova, Martiño Noriega, nun acto no que os dous 'irmandiños' fecharon filas co "liderado" de Pontón e no que coincidiron en que o 18 de febreiro Galiza pode facer historia cun Goberno presidido, por primeira vez nos 43 anos de autonomía, por unha muller e nacionalista.

Nunha charla moderada pola directora de Nós Diario, María Obelleiro, os tres situaron varias "chaves" da campaña electoral, como a mobilización de todos os galegos e todas as galegas, insistindo en que todas as persoas que se sintan apeladas polo cambio son "necesarias" para levalo a porto. Así, chamaron a ser "parte do cambio" nas eleccións "máis abertas e decisivas" dos últimos 15 anos.

O acto tivo lugar nunha sala multiusos dun céntrico hotel compostelán que ficou pequeno para acoller as máis de 300 persoas que acudiron á cita. De feito, boa parte delas tiveron que quedar de pé. Entre as asistentes atopábanse a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, o ex deputado Camilo Nogueira, o escritor e membro de Anova Miguel Anxo Fernán Vello ou o que fora vicepresidente da Xunta en 1983 con Gerardo Fernández Albor (AP-PP) Carlos Mella (anos máis tarde vinculouse ao BNG).

Durante a charla, Beiras advertiu de que non se pode facer "abandono de responsabilidades e botarlle a culpa aos demais". "Ten que mobilizarse" a xente, dixo, ante as advertencias de Ana Pontón da "campaña B" do PP, que é a que busca que a xente non acuda facendo crer que é "imposíbel gañarlle ao que está en fronte".

Martiño Noriega, lembrando a escena da película de Woody Allen Mach Point, na que a pelota abaneaba sobre a superficie da rede, apelou a que algo se move polas sensacións que recibe na súa consulta, onde salientou que non fala de política como é "obvio", mais admitiu que moitas usuarias facían alusión a que ían contribuír co cambio de Goberno.

O voto "ten que mobilizarse na auténtica alternativa", clamou Beiras, subliñando que o BNG "é a ferramenta política" que está en todos os ámbitos da sociedade. "Hai que ir votar, todos os votos son importantes", salientou, para sinalar, acto seguido, que sería "tristísimo" que non se chegase ao cambio porque alguén non acuda ás urnas. "Sede intelixentes", dixo, noutro punto da súa intervención, á pregunta de que lle diría a quen nunca colleu a papeleta do Bloque para convencer de que o faga por primeira vez.

Pontón fixou, así pois, o reto en lograr "unha gran participación" nestes comicios, porque agora a cidadanía "é libre para decidir" e non haberá outra oportunidade até dentro de catro anos. "Na papeleta do BNG están todas as causas xustas dunha Galiza mellor", salientou a candidata do Bloque. "Noto a mobilización e o efecto bóla de neve", afirmou, logo, Noriega. "Cada un de nós é chave", remarcou, posteriormente, Pontón, lembrando que nas pasadas eleccións xogáronse escanos en menos de cen votos.

Un dos momentos distendidos foi o referido ao debate da CRTVG, sobre o cal Beiras opinou que o candidato popular, Alfonso Rueda, pedira "o voto" para o BNG directamente, nunha contenda na que o tamén presidente da Xunta convidou a ler o programa do Bloque. Pontón ironizou con que Rueda non vaia a asistir a máis debates televisivos. "Porque saíu escaldado", contestoulle o histórico nacionalista, tras o que Pontón contrapuxo as súas 26 propostas no debate coas "tres" de Rueda. A iso, volveu responder Beiras: "Ana, hai unha chave, os seus proxectos son inconfesábeis".

A respecto da CRTVG, tanto Pontón, como Beiras e Noriega, quixeron mostrar a súa solidariedade cos traballadores e coas traballadoras da compañía de radio e televisión pública galega que están a ser represaliadas pola Dirección.

O acto, que decorría distendido, rematou para que a candidata nacionalista chegase a tempo ao mitin de campaña de Arcade, no concello de Soutomaior. Ao finalizar, persoas que se acudiran para escoitar a Pontón, Beiras e Noriega pediron fotografarse cos protagonistas da cita.

Comentarios