18-F

O persoal de RTVE afea a Rueda que fuxa do debate: "É unha aldraxe ao electorado galego"

"É a primeira vez" que isto acontece, lamenta o comité de empresa. A canle pública mantén o debate con Pontón e Besteiro.
O presidente da Xunta e candidato do PP, Alfonso Rueda, no debate da CRTVG desta segunda feira. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta e candidato do PP, Alfonso Rueda, no debate da CRTVG desta segunda feira. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O comité de empresa de RTVE-A Coruña trasladou esta quinta feira a súa "máis enérxica protesta" pola decisión do PP de que nin o candidato para os comicios do 18 de febreiro e actual presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, nin ningún outro dirixente do partido vaia ao debate electoral previsto para o próximo día 14, o que consideran "un veto".

Malia que os populares comunicaron a súa intención de non acudir á cita televisiva —logo de prometer que si asistirían—, a corporación dos medios públicos estatais mantena en pé, e si confirmaron asistencia os aspirantes das dúas forzas que, xunto ao PP, tiveron na última lexislatura representación no hemiciclo galego: Ana Pontón (BNG) e José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG).

Nun comunicado, o comité de empresa remarca que é "a primeira vez" que, desde que "se institucionalizaron" os debates de cara aos comicios autonómicos en TVE —en Catalunya, Andalucía e Castela e León, entre outros territorios, alén da propia Galiza— que "unha forza relevante se ausenta dos mesmos".

O comité de empresa lembra que RTVE-Galiza foi "a primeira televisión en emitir programas de desconexión e en ámbito estatal" sobre a realidade galega, a principios dos 70 e a primeira tamén en utilizar o galego "como forma de expresión".

Desde a representación do persoal conclúen que a negativa do PP a participar no debate é "unha aldraxe ao electorado galego" e "unha falta de respecto" aos traballadores e traballadoras de RTVE.

Comentarios