18-F

Pontón ve un Rueda "nervioso" que "xa fai oposición" ao BNG en campaña e que será oposición no Parlamento

"O PP pasou dunha campaña na que quería ocultar as súas siglas a unha na que quere ocultar o seu candidato", afirma a candidata do BNG.
Acto de Ana Pontón en Vigo esta quinta feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera Acto de Ana Pontón en Vigo esta quinta feira. (Foto: Europa Press)

A candidata do BNG á presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, atribuíu esta quinta feira ao "nerviosismo" o endurecemento do discurso de Alfonso Rueda contra a formación nacionalista, e constatou que o candidato do PP "xa fai oposición" ao BNG en campaña electoral, "preparándose" para o que ocorrerá despois das eleccións galegas, tras as que pasará a ser oposición no Parlamento galego, asegurou.

Así o trasladou a candidata nacionalista esta quinta feira, nun acto con delegados sindicais de industria en Vigo, no que subliñou varias veces que o PP e Rueda están a mostrarse "moi nerviosos". "A súa campaña baséase en atacar o BNG, porque non teñen proxecto", afirmou.

"Sabe que somos a alternativa, que lle estamos disputando a Presidencia, e que se hai unha gran mobilización das persoas que queren o cambio, o próximo 18 de febreiro Rueda vai estar na oposición e o BNG, por primeira vez, liderando o futuro deste país", proclamou Pontón.

Para a candidata do Bloque, a actitude de Alfonso Rueda e mais do PP denota que están "a se preparar quizais para o que vén partir do 18 de febreiro". "Xa nos fan oposición en campaña, e a partir do 18 de febreiro espero que estean na oposición no Parlamento", aseverou.

Por outra parte, volveu retar a Rueda a participar no debate de TVE do próximo 14 de febreiro e a que "deixe de esconderse", porque un candidato que se esconde e "non dá a cara", dixo, é que ten "algo que ocultar". A este respecto, constatou que o PP pasou "dunha campaña na que quería ocultar as súas siglas, a unha na que quere ocultar o seu candidato".

Ana Pontón insistiu en que, coa súa ausencia, Alfonso Rueda non dá "plantón" ao BNG, senón que "a quen dá plantón é á Galiza, e os galegos e galegas merecen candidatos que estean dispostos a debater".

Comentarios