18-F

Besteiro ve unha "frivolidade" o plan de Feixoo para a ABAU: "Busca que non se fale das cloacas do Estado"

Por outra parte, o candidato do PSdeG asegurou hoxe que "a inmensa maioría" do Partido Socialista non comparte as palabras do presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García Page, sobre o PSOE e a Constitución, acusando a súa propia formación de situarse "nas marxes da Constitución".
José Ramón Gómez Besteiro, hoxe, nun almorzo informativo do PSdeG en Madrid. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro, hoxe, nun almorzo informativo do PSdeG en Madrid. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou esta quinta feira de "frivolidade" a proposta do líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, de realizar unha proba de acceso á universidade común nas comunidades gobernadas polo PP e considerou que con este anuncio busca que non se fale "das cloacas do Estado". Besteiro pronunciouse nestes termos durante a súa intervención nos almorzos organizados polo Fórum Europa, na que sostivo que Feixoo "está nunha dinámica de inventarse cada fin de semana algo novo". "E todas as fins de semana algo novo e potente, como que é difícil", apuntou.

O socialista, con todo, cre que o presidente popular "non ten ningunha intención" de facer esta proba común nas comunidades do PP, senón que o que busca é que "se fale diso" nun contexto no que o "foco está posto na utilización das cloacas do Estado" por parte do Goberno de Mariano Raxoi para "prexudicar a adversarios políticos". "Eu creo que é unha nova frivolidade, como a que vimos ultimamente cando lle pide a Vox que non se presente na Galiza. Vaia confianza ten no seu proxecto para Galiza cando lle pide ao socio que non se presente...", ironizou Besteiro, no que cualificou como unha "relación tóxica" do PP coa formación de extrema dereita que lidera Santiago Abascal.

Ademais, sostivo que o "resto de España" está agora coñecendo algo que xa se coñecía na Galiza, como o feito de que Núñez Feixoo é "frívolo". "Dese perfil moderado, con sentido de Estado, pois nada de nada", afirmou.

Conferencia de presidentes

Preguntado sobre se Sánchez debería convocar a Conferencia de Presidentes para abordar os pactos coas formacións independentistas catalás, Besteiro asegurou que nunca se convocaron tantas como baixo a presidencia de Pedro Sánchez.

"É o presidente que máis puxo en práctica a cogobernanza e fíxoo en momentos delicados, durante a pandemia, e faino con asiduidade. Por iso, eu non vexo o presidente Sánchez escapando da Conferencia de Presidentes, senón todo o contrario", opinou. "Foi o presidente que máis a convocou e para máis temas", incidiu.

Polémica con Page

Por outra parte, o candidato do PSdeG asegurou hoxe que "a inmensa maioría" do Partido Socialista non comparte as palabras do presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García Page, sobre o PSOE e a Constitución, acusando a súa propia formación de situarse "nas marxes da Constitución".

Neste punto, Besteiro, que permaneceu apartado do foco político case oito anos debido a unha investigación xudicial que quedou posteriormente arquivada e a xuíza apartada, aproveitou para pór en valor o "silencio". "Respecto e valoro cando un dá a súa opinión ou cando a reserva. Tamén o silencio ten un valor imperante e, se non, que mo digan a min", dixo.

Comentarios