Análise

Feixoo aposta por Ayuso para liderar o PP de Madrid

A guerra entre Pablo Casado e Isabel Díaz Ayuso chega á Galiza. Alberto Núñez Feixoo é o primeiro barón territorial dos populares en tomar posición por un dos dous políticos.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, esta quinta feira. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, esta quinta feira. (Foto: Xunta da Galiza)

Alberto Núñez Feixoo é o primeiro barón territorial dos populares en tomar posición na guerra entre Pablo Casado e Isabel Díaz Ayuso polo control do PP de Madrid. Preguntado ao remate da reunión do Consello da Xunta de onte deixou claras as súas simpatías. Unha nova fronte interna ábrese no principal partido da dereita.

“O habitual é que no PP de España os presidentes autonómicos presidan os seus partidos nas súas comunidades”, así respondeu Alberto Núñez Feixoo a un xornalista interesado en coñecer a súa opinión sobre as intencións de Díaz Ayuso de liderar os populares madrileños, en contra do criterio do aparato do Partido Popular e do seu presidente, Pablo Casado.

Feixoo foi máis alá nas súas declaracións, afirmando que “o que sería moi sorprendente é que a presidenta da Comunidade non quixese presidir o partido en Madrid. Iso sería moi sorprendente. Cuestión distinta é que o congreso estaba convocado para os primeiros trimestres do ano e entendo que o partido quererá manter a data”.

O presidente galego apostou por evitar as interferencias do aparato do partido no proceso madrileño e defendeu que “se convoquen os compañeiros de Madrid para que digan quen queren que dirixa o partido”. Ao tempo, sinalou que “hai demasiado ruído”.

A toma de posición de Feixoo por Ayuso explícase no contexto da proximidade entre os dous dirixentes. Este feito vén sendo sinalado desde o mes de xullo polos diferentes medios de comunicación da capital do Estado, sinalando xa á altura de 1 de agosto o cronista político de El País Javier Casqueiro que “ambos mandatarios transformáronse nun eixo de poder popular” e “dispóñense a manter unha relación de forza no PP, cunha liña dura común de oposición" a Sánchez.

83 millóns para linguas estranxeiras

As palabras de Feixoo sobre a liorta do PP en Madrid situaron nun segundo plano a axenda de temas tratados no Consello da Xunta.

Entres estes destacou a nova Estratexia galega de linguas estranxeiras -Edulingüe 2030-, en base á cal o Goberno galego gastará 83 millóns no ensino en catro anos para a aprendizaxe de idiomas, no marco da “aposta polo plurilingüismo”. O anuncio chega cando veñen de coñecerse estudos, como o Mapa sociolingüístico de Ames, froito do acordo entre o Concello e a Real Academia Galega (RAG), que evidencian a caída de galegofalantes nos centros de ensino e que a educación é “un medio hostil” para a lingua propia da Galiza, en palabras do académico Henrique Monteagudo.

Ademais, esta quinta feira, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, anunciou, nos XXIII Encontros para a Normalización Lingüística, unha campaña para fomentar o galego en contornas urbanas e no ámbito familiar.

Por outra banda, aprobouse o anteproxecto de Lei de áreas empresariais da Galiza, co obxectivo de “axilizar e flexibilizar” a creación de solo para as empresas, “dar coherencia” a todos os instrumentos de planificación de solo empresarial vixentes.

Comentarios