A perda da transmisión da lingua, a debate

Este 4 de novembro, na sede do Consello da Cultura Galega, a vixésimo terceira edición dos Encontros para a Normalización Lingüística abordarán a creba da transmisión interxeracional, que todos os  expertos e informes consideran un dos principais problemas que ameazan a pervivencia da lingua nun futuro inmediato.
A primeira campaña pública en defensa da lingua xa apuntaba á creba da transmisión como un problema. (Foto: Nós Diario) #defensadalingua #lingua #galego #normalizaciónlingüística
photo_camera A primeira campaña pública en defensa da lingua xa apuntaba á creba da transmisión como un problema. (Foto: Nós Diario)

Foi no ano 1984 cando naceu “Fálalle galego”, aquela primeira campaña pública en defensa da lingua dun Goberno autonómico acabado de estrear. Xa daquela, o centro de atención focábase na necesidade de non romper a transmisión xeracional do idioma, que se percibía como un dos principais motivos de perda de falantes con que se enfrontaba o galego. 

O vindeiro 4 de novembro, a sede do Consello da Cultura Galega en Compostela acollerá a vixésimo terceira edición dos Encontros para a Normalización Lingüística. Baixo o lema "Desde o berce: a transmisión interxeracional da lingua galega", a xornada abordará a creba da transmisión interxeracional da lingua, que todos os expertos e informes sobre a situación do galego na sociedade actual seguen a considerar un problema de primeira magnitude. 

Hai que lembrar que un recente traballo da Real Academia Galega, o Mapa sociolíngüístico escolar de Ames, chegaba á conclusión de que "o medio escolar non é amigábel para o galego", segundo resumía Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG e responsábel da investigación. 

Ao falar do efecto desgaleguizador da escola, os autores deste estudo advertían que tiñan en conta o que pasaba tanto dentro como fóra das aulas. “Nos centros educativos organízanse tamén actividades de lecer, deportivas, formativas complementarias... Sen restarlle a importancia que por suposto ten a regulación da lingua como elemento vehicular da docencia, cando se considera o papel que ten a escola en materia de prácticas, competencias e mesmo actitudes lingüísticas cómpre un enfoque global  que teña en conta todas estas actividades que se ofertan fóra do currículo”, explicaba Monteagudo.

Por outra banda, a última enquisa do Instituto Galego de Estatística sobre coñecemento e uso do galego mostraba que o galego resiste como lingua de uso de máis do 50% da poboación, pero que esa resiliencia apoiábase, fundamentalmente, nas persoas maiores de 50 anos. 

Entre os 30 e os 39 anos, a porcentaxe de poboación que aprendeu a falar galego na súa infancia é de só o 30,42%. Entre 15 e 29 anos a cifra e do 27, 82%. E entre os 5 e os 14 anos, esboróase até o 18,89%. A comezos de século, máis do 30% da cativada aprendera a dar as súas primeiras palabras na lingua do país. 

A Mesa pola Normalización Linguística mostrábase alarmada por estes datos, así como polo o incremento da ignorancia da lingua propia entre a xente moza, aínda que tamén manifestaba esperanza polos datos que "amosan a vontade dunha importante parte da poboación galega por manter o uso da súa lingua a pesar dos impedimentos".

Tres bloques para a análise

Ante este panorama, os Encontros para a Normalización Lingüística pretenden "proporcionar e intercambiar información, reflexionar sobre os datos, difundir e compartir experiencias e recursos, e tentar achegar vías de solución ou propostas positivas" ante o que a organización sinala como "un problema grave, non único" da nosa lingua sobre o que "nas últimas décadas os datos indican que a situación é dramática".

Desde o Centro de Documentación Sociolingüística da Galiza xa se publicaron unha serie de vídeos introdutorios aos temas que se van tratar na sesión presencial, de maneira que xa se poden consultar gravacións de diferentes persoas expertas que participarán nas distintas mesas de debate dos encontros. 

O programa inclúe a divulgación de datos que dean a coñecer experiencias levadas a cabo noutros territorios: os relatorios de Paula Kasares, da Universidade Pública de Navarra e Euskarabidea-Instituto Navarro do Euskera; de Xaquín Loredo, do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega; e do investigador Anik Nandi, da Universidade de Leiden (Países Baixos) xirarán sobre estas accións.

Tamén presentar unha visión diferente da crianza que se relacione con espazos e tempos particulares forma parte do programa. Neste bloque, as xornadas achegaranse á experiencia de persoas cunha elevada consciencia da importancia de criar a cativada na nosa lingua. Baixo o título “Escola en galego...escola aberta” falarán Fernando Lacaci, da Confederación de Anpas Galegas; Cristina Llinares, da Galiña Azul; Lorena Pita e Cristina Rodríguez, de Aulas Galegas; e Marta Santos e Joana Santos, do Proxecto Semente. 

O terceiro dos bloques relacionase cos espazos e propostas de lecer para a mocidade. Esta sesión tenta ofrecer información e debater sobre o que fan as e os cativos no tempo de lecer, sobre o que demandan as familias e sobre o que ofertan as administracións e as empresas. 

Participan nesta sesión María Campos e Carlos Yus, de Migallas Teatro; Nerea Couselo de Xandobela; Marcos Maceira da Mesa pola Normalización Lingüística que falará da Iniciativa Xabarín, e tamén Marcelo Rodríguez, de Faia, Educación Ambiental.

O Plan da Xunta avoga por prestar atención aos neofalantes

A Secretaría Xeral de Política Lingüística creou un Plan de dinamización da lingua galega na mocidade 2019-2022 dirixido a mozas e mozos de entre 14 e 30 anos e que mencionaba a importancia de "pór especial atención nos neofalantes de galego, habitualmente mozos e mozas urbanos ou vilegos".

En todo caso, o plan foi criticado pola oposición nos últimos meses por carecer dun proxecto de avaliación dos resultados e por non adaptarse ás novas circunstancias estabelecidas pola pandemia de Covid-19 que "sen dúbida ten que afectar á súa implantación".

Comentarios