Ence sobe 6,5% en Bolsa tras admitir o Supremo o seu recurso sobre a factoría de Lourizán

A compañía esgotará "todas as vías xudiciais" en defensa da "legalidade" da prórroga extraordinaria á súa fábrica de Pontevedra, "sempre, e como non podería ser doutro xeito, desde o absoluto respecto ás decisións da Xustiza e aos cursos que esta estabelece".
Vista da factoría de Ence en Pontevedra. (Foto: Europa Press)
photo_camera Vista da factoría de Ence en Pontevedra (Foto: Europa Press).

As accións de Ence remontaban case 6,5% en Bolsa a media sesión impulsadas pola decisión do Tribunal Supremo de admitir a trámite o seu recurso contra a sentenza da Audiencia Nacional, que declaraba a nulidade da concesión de dominio público marítimo terrestre sobre a que se asenta a súa planta de Pontevedra. En concreto, os títulos do grupo papeleiro e de enerxía eran os segundos máis destacados no mercado español, só por detrás de PharmaMar, cunha suba de 6,46% ás 12.02 horas, para escalar até os 3,034 euros

O Supremo admitiu a trámite o recurso de casación de Ence contra unha das tres sentencias ditadas pola Audiencia Nacional o pasado mes de xullo sobre a prórroga extraordinaria da concesión da compañía en Pontevedra. "Á espera de que o Alto Tribunal dite a súa sentenza, e á espera tamén de que se pronuncie sobre se admite a trámite os outros dous recursos —correspondentes ás outras dúas sentenzas ditadas pola Audiencia Nacional—, esta admisión a trámite é unha noticia importante para a compañía", sinalou Ence.

No auto remitido polo Supremo alúdese a unha recente sentenza deste mesmo tribunal sobre unha concesión situada en dominio público marítimo-terrestre en Murcia, na que o Alto Tribunal se pronunciou sobre a licitude da prórroga concedida á mesma.

Sexa como for, Ence xa comunicou que esgotará todas as vías xudiciais en defensa da legalidade da prórroga extraordinaria da concesión da súa biofábrica de Pontevedra, "sempre, e como non podería ser doutro xeito, desde o absoluto respecto ás decisións da Xustiza e aos cursos que esta estabelece".

Perto de 5.100 postos de traballo en toda a Galiza dependen da actividade desta factoría, segundo subliñou a compañía, que precisou que se trata dunha instalación que, non só cumpre "folgadamente" con toda a normativa ambiental vixente, senón que foi recoñecida pola súa sustentabilidade a través de certificacións como Residuo Cero de Aenor, a etiqueta ecolóxica 'Nordic Swan' ou a Distinción Ouro da Comisión Europea.

O Banco Sabadell ve "positiva" a noticia

Pola súa parte, os analistas de Banco Sabadell consideraron que a noticia sería positiva, "aínda que de impacto limitado na medida de que o feito de que se admita a trámite o recurso, unido á recente sentenza sobre a concesión en Murcia, implica certa probabilidade de que a resolución final do proceso xudicial sexa favorábel a Ence".

En calquera caso, a entidade financeira estima que a incerteza "segue a ser moi elevada", polo que mantén a súa intención de asumir na súa valoración o fechamento da fábrica de Pontevedra no curto prazo.

Comentarios