Gandeiros advirten dun "risco de creba" pola folga do transporte: "Non nos poden facer reféns dos seus dereitos"

"Os matadoiros da Galiza a día de hoxe non sacrificaron nin unha soa res; mañá verémolo nos supermercados", advirten desde a  Federación galega de produtores de porcino.
Un gandeiro, obrigado a tirar leite na súa explotación de Outeiro de Rei (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Un gandeiro, obrigado a tirar leite na súa explotación de Outeiro de Rei (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Gandeiros e gandeiras galegas concentráronse esta segunda feira fronte á Delegación do Goberno estatal na Coruña para protestar polo "bloqueo" que están a padecer como consecuencia do paro do transporte e para exixir ao Executivo "garantías absolutas" na recollida e saída da produción das industrias cara aos puntos de venda.

O delegado do Goberno, José Miñóns, recibiunos e garantiu corredores e acompañamento de forzas de seguridade para realizar os transportes. O secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA) da Galiza, Roberto García, e o presidente de Federación galega de produtores de porcino (Fegapor), José Antonio Vidal, trasladaron a "gravidade da situación, pero sobre todo a urxencia de solucións".

Agricultores e gandeiros non poden "ser reféns" da xestión que faga o Goberno e a asociación de transportistas dun dereito de folga, segundo explicou García. "Da reunión saímos sen solucións", sentenciou o secretario xeral, que recoñeceu "certa empatía" por parte do delegado cando lle trasladaron a "especificidade" do sector, un modelo de explotacións que "non pode esperar solucións para dentro de 48 horas".

O representante dos traballadores explicou que se trata dun "problema de ciclo vital", xa non só de abastecer á poboación de carne, senón de que na propia explotación quede espazo para os animais que están a nacer. "Os transportistas non nos poden facer reféns dos seus dereitos", insistiu Roberto García, quen explicou que os gandeiros, tendo os mesmos problemas, "ou máis graves", non fan reféns "nin aos cidadáns nin a ningún outro colectivo".

García lembrou que "se 85% dos gandeiros galegos —a metade dos que hai no conxunto do Estado español—" teñen contratos de leite por baixo dos custos de produción "en situación ilegal", incumprindo a lei da cadea, se non cobren custos e a maiores teñen que tirar o produto e gastar en alimentar os animais, "a posibilidade de creba vai ser brutal".

O secretario xeral aproveitou para "advertir" que neste momento "ningún gandeiro" pode quedar sen recoller o leite porque "por contrato" a empresa está "comprometida" a recollela, por tanto ten todo o dereito "de reclamar ese leite que tira por causas alleas ao gandeiro e a propia folga".

"Os matadoiros da Galiza a día de hoxe, segunda feira, non sacrificaron nin unha soa res; mañá verémolo nos supermercados", sentenciou José Antonio Vidal, asegurando que "os pequenos negocios da rúa veranse abocados a non ter carne nos seus mostradores".

Comentarios