Piden a dimisión do presidente do Consultivo se permite a manipulación da Xunta sobre Ence

As declaracións do Goberno sostendo que o Consultivo aceptara a viabilidade de que Ence se adscribise ao Porto de Marín, levan a Asociación pola defensa da ría de Pontevedra a pedir a dimisión do presidente do órgano se permite a "manipulación" dos seus informes.
Vista da factoría de Ence en Pontevedra. (Foto: Europa Press)
photo_camera Vista da factoría de Ence en Pontevedra (Foto: Europa Press).

O presidente do Consello Consultivo, Jose Luis Costa Pillado, ten que “saír ao paso” da “manipulación” por parte da Xunta da Galiza do seu informe sobre a posibilidade de que ENCE se adscriba ao Porto da Marín, “ou no seu defecto, presentar a súa dimisión”, asegurou a cuarta feira a Asociación pola defensa da ría de Pontevedra (APDR).

A entidade fixo énfase en que tanto a Xunta, como o Partido Popular e o Comité de oficinas de Ence “usan o informe de maneira ilegal”, ao declarar que o Consultivo ve “viábel” que os terreos da fábrica se integren no porto, cando o informe “non di iso en absoluto”, reiterou o presidente da entidade, Antón Masa.

Este intento de “manipulación” non pode ser aceptado polo organismo, que debería “desmentir” as “manipulacións” e exixir que se respecte o traballo da institución.

“Non se pode tomar ningunha determinación nin administrativa nin xudicial para pasar por riba das sentenzas cando son firmes”, afirmou, subliñando que de ningún xeito as instalacións de Ence poden estar no porto, ao “estar prohibido” pola Lei de Portos do Estado.

Con esta actitude, Masa advirte que “están a crear a sensación de que iso é posíbel e están a enganar directamente a clase obreira de Ence”, que insistiu, “debe saber que para nada esa solución é viábel”, aclarando que a única vía para que continúe na Galiza é que lle exixan a súa empresa un cambio de localización.

Ademais, lembrou que a APDR xa remitira dúas misivas a Costa, incidindo en que o Consultivo estaba sendo “utilizado para conseguir algo que vai en contra das sentenzas da Audiencia e da lexislación”, e reclamándolle que “non entrase no xogo de Alberto Núñez Feixoo”, presidente da Galiza.

Aínda sen obter resposta, Masa denunciou que o órgano “tampouco actuou, que é o que tería que ter feito”.

Un primeiro intento en 2005

O concelleiro de Ordenación do Territorio do Concello de Pontevedra, César Mosqueira, deu conta de que en 2005 esta opción xa fora estudada, mais apostaron por outra vía "máis factíbel para saltarse a lei", indicou. 

Esta vía foi a prórroga outorgada polo Goberno español dirixido por Mariano Raxoi (PP), que se atopa en litixio na Audiencia Nacional. 

Ence ignora a Xunta

Nin sequera a propia empresa fixo mención á opción de incorporarse á Autoridade Portuaria de Marín no documento presentado perante a Comisión Nacional do Mercado de Valores, no que inclúe os resultados económicos do primeiro semestre de 2021. 

No informe, recóllense as previsións do custe do fechamento da fábrica no caso dunha sentenza desfavorábel da Audiencia Nacional, que ascende a 200 millóns de euros, incluíndo 42 millóns polo desmantelamento das instalacións.

Comentarios