A falta de seguridade xurídica das licenzas eólicas preocupa o persoal da Xunta

A política eólica da Xunta da Galiza está en cuestión, como confirman os argumentos empregados pola Xustiza para suspender a licencia de determinados parques eólicos. Neste contexto, persoal da Xunta denuncia a falta de seguridade xurídica dalgúns procedementos e négase a validalos.
Muíños de enerxía eólica na serra de Candán, comarca do Deza. (Foto: Arxina)
photo_camera Muíños de enerxía eólica na serra de Candán, comarca do Deza. (Foto: Arxina)

Persoal da Xunta da Galiza estase negando a validar a tramitación de determinados proxectos eólicos. Segundo sinalan a Nós Diario persoas coñecedoras da situación de determinados expedientes, os reparos proceden da falta de garantías de determinados procedementos e do recurso á fragmentación dunha mesma instalación en varias, co obxectivo de facilitar a súa aprobación. A maiores, apuntan a un incumprimento dos prazos fixados pola lexislación e a ausencia de determinados informes sectoriais fixados como preceptivos.

A falta de seguridade xurídica nos procedementos de autorización dos parques eólicos é un dos motivos principais das resistencia de traballadoras e  traballadores do Goberno galego. A este respecto, as fontes consultadas por Nós Diario apuntan que a nova xurisprudencia asentada polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) sinala que os informes sectoriais deben someterse a avaliación pública no mesmo momento en que o proxecto do parque eólico sae ao trámite de exposición pública. Neste caso, as autoridades galegas rexeitan asumir a doutrina do TSXG afirmando que esa cuestión agarda pola resolución dun recurso de casación presentado diante do Tribunal Supremo.

Responsabilidades legais

Traballadoras e traballadores da Xunta da Galiza con quen contactou este xornal, confesan que temen caer nalgún tipo de responsabilidade legal como consecuencia da súa participación na tramitación dos proxectos eólicos. Nesta liña, denuncian a falla de prudencia dos responsábeis gobernamentais, que expoñen o seu persoal a posíbeis sancións derivadas dos procesos xudiciais e se arriscan a unhas sentenzas que poden condenar a Administración galega a indemnizacións millonarias en concepto de responsabilidade patrimonial. Así, por exemplo, a empresa enerxética Greenalia apunta a unha responsabilidade do Goberno galego de 12,6 millóns para o parque eólico paralizado de Bustelo, emprazado entre Carballo e Coristanco, na comarca de Bergantiños.

As sentenzas emitidas polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza contra tres parques eólicos de Greenalia e un de EDP explica a posición deste grupo de funcionarios da Xunta da Galiza, adscritos ás Consellarías de Economía e Medio Ambiente. Mentres a primeira delas é competente para a tramitación das autorizacións dos proxectos eólicos, da segunda depende unha parte dos informes sectoriais preceptivos, nomeadamente aqueles vinculados a cuestións ambientais. Precisamente, os prazos fixados no seu momento pola Administración galega para o trámite de exposición pública da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) incumprían o tempo mínimo estabelecido para este procedemento pola normativa comunitaria.

As tentativas dos responsábeis do Goberno galego de ofrecer certezas ao seu persoal para devolver á normalidade a tramitación dos proxectos eólicos non están funcionando. Tanto é así, que algúns funcionarios da Xunta da Galiza están solicitando aos seus superiores que lle remitan por escrito as indicacións do traballo a realizar e lle aclaren o alcance das súas funcións e responsabilidades. Aliás, unha parte do persoal da Administración galega están informando desfavorabelmente ás peticións de licenzas das compañías eólicas e outra limítase a non asinar os seus informes.

A convocatoria por parte da Escola Galega da Administración Pública (EGAP), organismo dependente da Consellaría de Facenda, dunha xornada para o 21 de setembro sobre o 'Réxime xurídico da enerxía eólica na comunidade autónoma da Galiza' responde, segundo as fontes consultadas por Nós Diario, ao obxectivo do Goberno galego de ofrecer garantías e seguridade xurídica ao seu persoal. Este encontro de formación está dirixido aos empregados públicos; porén, descoñécense aínda os nomes dos profesionais encargados de impartilo.

Curso da EGAP

Os contidos deste curso deixan poucas dúbidas sobre a súa motivación. Así, a EGAP sinala entre os temas a tratar “o control xurisdicional da actuación ambiental”, “xurisprudencia ambiental do Tribunal Supremo e as enerxías renovábeis”, “a última xurisprudencia da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza sobre enerxía eólica”, “a lexislación eólica da Galiza: cuestións actuais que presenta a súa aplicación”, “a tramitación ambiental dos parques eólicos pola Xunta de Galiza”, “a incidencia do procedemento autonómico na xestión da enerxía eólica na Galiza” e “as medidas cautelares nos procesos contenciosos en materia de enerxía eólica: singularidades e problemática”.

Os xuristas consultados por Nós Diario consideran que a Administración galega estase a mover "no fío da navalla". O profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago Fernando de Abel sinala  que no caso dos parques paralizados de Campelo e Bustelo “o TSXG confirma concorrencia de fragmentación artificial contraria a dereito, que de feito veu impedir unha avaliación ambiental acaida dos proxectos, e a ilegalidade da redución do prazo de exposición pública”.

O TSXG considera que o Goberno galego incumpre a normativa estatal e comunitaria á hora de outorgar a licenza aos parques ao non pór a disposición da cidadanía os informes sectoriais preceptivos no trámite de información pública


A xustiza pon "contra as cordas" a política eólica do Goberno galego

As sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) sobre os parques eólicos de Campelo e Bustelo (Bergantiños) recollen entre os seus fundamentos de dereito que “o artigo 36.1 de Lei de avaliación ambiental impón que os informes sectoriais deban obterse antes do trámite de información pública, pois respecto diso sinala que ‘esta información pública levarase a cabo nunha fase do procedemento substantivo de autorización do proxecto na que estean abertas todas as opcións relativas á determinación do contido, a extensión e a definición do proxecto’, que é o mesmo que se estabelece no artigo 6.3 da Directiva 2011/92/UE”.

As conclusións do TSXG son claras. A este respecto, sinala que “tanto a lei estatal, como as directivas citadas contiñan un mandato claro en orde a conseguir os informes sectoriais antes de someter o proxecto e o estudo ambiental ao trámite de información conxunto (cada un polo seu prazo), do que resulta que como cando se someteu o proxecto ao último trámite de información pública (por un prazo de quince días), aínda non se recibiron todos os informes sectoriais”.

A consolidación desta liña xurisprudencial abre a porta a anular a case totalidade dos proxectos eólicos en tramitación e construción na Galiza. Así, Fernando de Abel considera “cando menos temerario que a Xunta siga a outorgar autorizacións en procedementos nos que esa eiva concorreu sistematicamente antes de que o Tribunal Supremo se pronuncie” e advirte de que “a Xunta acaba de outorgar os permisos para 77 proxectos, e todos e cada un dos mesmos poden ser anulados”.

Comentarios