A posíbel coalición, máis tensa: Sumar busca atraer "persoas" e Podemos cre que "non se entendería" ir separados

Sumar segue "aberta ás persoas que comparten os principios progresistas, ecoloxistas, de políticas públicas transformadoras", afirma Paulo Carlos López, mentres desde Podemos cren que é a formación de Yolanda Díaz a que debe "explicar" por que en Euskadi as conversas "continúan" e na Galiza "parece que están suspendidas" e levan "semanas" coas negociacións paradas.
O portavoz de Sumar na Galiza, Paulo Carlos López, hoxe, atendendo aos medios de comunicación. (Foto: Europa Press)
photo_camera O portavoz de Sumar na Galiza, Paulo Carlos López, hoxe, atendendo aos medios de comunicación. (Foto: Europa Press)

As negociacións para unha coalición da esquerda continúa a escalada de tensión dos últimos días, agravada pola situación do Congreso na que as cinco deputadas de Podemos decidiron deixar o grupo de Sumar e marchar ao Mixto. Así, tras anunciar que paralizaban "temporalmente" as conversas á espera dun pronunciamento da formación morada, o portavoz de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, centrouse esta quinta feira en abrir as portas do proxecto a "persoas" e, preguntado polos partidos políticos, contestou da mesma forma.

Ademais, o portavoz na Galiza da formación que lidera Yolanda Díaz remitiuse ás palabras de hoxe de Marta Lois, quen dixo que vía "difícil" fechar unha coalición na Galiza con Podemos. Ao ser preguntado polos motivos polos que é máis complicado alcanzar un acordo de coalición aquí que en Euskadi, onde seguen adiante as conversas, Paulo Carlos López adheriuse ás palabras da deputada pola Coruña.

Neste contexto, fontes de Podemos Galicia reiteraron que a súa organización ten "completa autonomía" sobre o proceso das galegas e a súa "prioridade" é "un acordo que permita botar o PP da Xunta". "A cidadanía non entendería que a esquerda fose dividida por cuestións que non teñen nada a ver coa Galiza", salientaron as mesmas fontes. Aliás, apuntaron que é Sumar a que ten que "explicar" por que en Euskadi as conversas "continúan" e na Galiza "parece que están suspendidas" e levan "semanas" coas negociacións paradas.

A este respecto tamén foi preguntado polos medios Paulo Carlos López, sobre se se van retomar os contactos, pero non aclarou este extremo, aínda que fontes consultadas pola axencia Europa Press confirmaron que estaba previsto un novo contacto a tres bandas —Esquerda Unida, Podemos Galicia e Sumar Galicia— nas próximas xornadas e que, en principio, fica vixente a convocatoria. O portavoz de Sumar incidiu que esta formación "segue aberta ás persoas que comparten os principios progresistas, ecoloxistas, de políticas públicas transformadoras". "Sumar Galicia non se moveu, segue aberta ao diálogo coas persoas que se sentan interpeladas a participaren neste espazo; as portas están abertas e sempre estarán abertas", salientou.

Rexeitar o "ruído"

Paulo Carlos López incidiu en que Sumar Galicia "vai seguir facendo as súas políticas, as súas propostas e non vai parar". "Estamos cansos do ruído interno e creo que a cidadanía o que quere é que fagamos política, estamos aquí para iso", apostilou. No tocante ao espazo do diálogo con outras formacións, remitiuse ao dito por Marta Lois, tamén no que ten a ver con outras formacións políticas. Preguntado por se isto significa que, implicitamente, o diálogo cos partidos está máis complicado ao referirse só ás persoas, López insistiu en que se remite a Lois, que tamén forma parte da promotora de Sumar na Galiza.

"Seguimos no mesmo sitio, diálogo entre as persoas e os colectivos que se sentan interpelados para construír Sumar Galicia", aseverou López, quen defendeu que a súa formación está nun proceso de escoita para "avanzar no programa electoral", para atender os colectivos "agredidos" e que "o razoábel é situar o debate nas políticas e propostas". "Non estamos para falar de leas internas", dixo.

Paulo Carlos López indicou, tamén a preguntas dos xornalistas, que segue prevista a presentación da promotora para a vindeira semana —logo de posporse a cita convocada inicialmente—, na que estará, entre outros, o ex alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, de Ferrol en Común presente hoxe na reunión de membros de Sumar co colectivo Enfermeiras en Loita.

O portavoz de Sumar Galicia dixo que esta promotora será "representativa a nivel territorial e político" e "permitirá estabelecer unha dirección política que permita concorrer ás próximas eleccións" para "xerar unha alternativa ao PP". Neste sentido, aseverou que "se hai alternativa de goberno ao PP é porque Sumar Galicia está" e conveu que esta formación é "necesaria para construír unha alternativa de goberno". Ao fío diso, e preguntado por como se entendería unha división neste espazo con diferentes candidaturas, López foi contundente ao afirmar que "Sumar Galicia é o detonante do cambio político".

Comentarios